A idade e os clichés lastran o emprego entre as persoas con discapacidade

Empresas con máis de 50 traballadores han reservar 2% das súas prazas.
Limpeza, loxística, comercio e servizos son algúns dos sectores con máis saídas para as persoas con discapacidade (Foto: Cogami).
photo_camera Limpeza, loxística, comercio e servizos son algúns dos sectores con máis saídas para as persoas con discapacidade (Foto: Cogami).

A Galiza ocupa a terceira posición polo final en taxa de actividade  das persoas con discapacidade, que en 2022 foi de 29,9%, cinco puntos inferior á media estatal, que se situou en 35,3%. Son datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que define a taxa de actividade como o cociente entre o total de persoas activas e a poboación en idade de traballar, un índice que dá conta do nivel de emprego, neste caso, das persoas con discapacidade. Tamén segundo cifras do INE, en 2022, na Galiza, había 131.400 persoas entre 16 e 64 anos con discapacidade, un 7,9% da poboación total en idade laboral. 

Baixa cualificación

"Está máis que constatado que as persoas con discapacidade teñen máis dificultades para acceder a un emprego. De entrada, aínda hai moitos estereotipo s ligados á discapacidade que supoñen un freo á contratación", explica a Nós Diario Mary Ínsua, coordinadora da área de Emprego de Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade. Esta entidade xestiona unha bolsa de traballo propia na que están anotadas perto de 18.000 persoas. "Case 60% teñen unha cualificación baixa, na súa maioría maiores de 40 anos. Apenas temos xente moza, de 18 a 30 anos".

Estas dúas características, aclara Ínsua, dificultan moito a incorporación ao mercado laboral. "Son persoas ás que por mor dun accidente, unha lesión ou unha enfermidade lles conceden unha discapacidade ou unha incapacidade laboral e vense na obriga de empezar de cero". Malia teren unha traxectoria laboral de moitos anos xa non poden dedicarse ao mesmo que viñan facendo. O mercado laboral ao que buscan acceder non ten nada que ver co que coñecían. "A maneira de buscar traballo  cambiou e moitos postos exixen o uso de ferramentas dixitais básicas que nunca antes manexaron. Son cousas que teñen que aprender e que en moitos casos repercuten no acceso a un novo emprego",  afirma Ínsua. 

Cogami forma e asesora miles de persoas, ás que acompaña na  busca de novas oportunidades de traballo. "Sempre analizamos en que situación chega cada persoa, para aproveitar a súa experiencia e reorientala, pero si ou si teñen que pasar por formación: técnica máis de destrezas básicas. Temos xestionado ofertas de expendedor de combustíbel para as que non temos encontrado xente porque hai que saber manexar unha PDA ou cobrar con tarxeta".

Maior sensibilización

A busca de emprego para as persoas con discapacidade é un proceso longo que as máis das veces require un grande esforzo en motivación "até que se convencen de que hai outro camiño".

Cogami xestiona ofertas de traballo propias e externas. "O obxectivo é incorporar as persoas ao mercado laboral e fomentar a contratación de duración, e para iso, ademais de acompañar as persoas que buscan emprego tamén traballamos moito coa parte empresarial, a nivel de información –centros con máis de 50 traballadores teñen a obriga legal de reservar 2% a persoas con discapacidade– e sensibilización –fronte a crenzas limitantes e descoñecemento–", destaca Ínsua. Cada ano Cogami logra a inserción de entre 1.800 e 2.000 persoas. "Coa reforma laboral  apreciamos un descenso porque se está afacendo moita contratación de fixo-discontinuo, o que limita o acceso a outros traballos", conclúe.

De camareiro a conserxe de longa duración

Jesús Ferrín ten 45 anos. Despois de dúas décadas como camareiro tivo parar de vez. "Non aguantaba máis. Fun ao médico e despois de varias probas diagnosticáronme esclerose múltiple". Sente unha fatiga, rixidez nas pernas e menor sensibilidade no seu lado esquerdo. "Traballar de camareiro agora é imposíbel, non podo nin levar a bandexa". Após ano e media de baixa, cos papeis da incapacidade en regra, acudiu a Cogami para saber que pasos seguir e reincorporarse ao mercado laboral.

"O peor que levaba era estar sen facer nada. Quería traballar. Así que fun directamente a Cogami que axiña me falaron da oferta dun colexio maior,en Santiago, que se axusta moi ben ao que necesito e podo facer". Desde o pasado 24 de xullo Ferrín traballa como conserxe nun colexio maior no campus sur da USC cun contrato indefinido. "Espero xubilarme aquí".

Comentarios