Persoal de Hiperxel vai á folga ante os impagamentos e a posíbel entrada en concurso de acredores

"Se non solucionamos este problema, a empresa morre", advirten as e os traballadores.
Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)
photo_camera Un estabelecemento de Hiperxel. (Foto: CCOO)

O persoal da cadea galega especialista en alimentos conxelados Hiperxel da provincia da Coruña manifestaranse esta terza feira, 22 de novembro, diante das oficinas centrais da compañía, situadas no barrio vigués de Teis, ante a falta de pagamentos da empresa e a súa posíbel entrada en concurso de acredores, logo de que os empregados decidisen en asemblea ir á folga.

Así o veñen de sinalar fontes sindicais consultadas por Europa Press que explicaron que, polo de agora, dos 320 traballadores e traballadoras que Hiperxel ten no conxunto do país só tomaron a decisión de ir a folga os da Coruña, onde a compañía conta cuns 21 estabelecementos.

As mesmas fontes aseguran que o persoal que traballa en Pontevedra descartou en asemblea ir á folga. "A estas alturas da película non nos beneficia moito", engadiron.

En toda a Galiza, Hiperxel dispón duns 320 traballadores e traballadoras, repartidas nun cento de tendas, que "non cobraron desde o pasado mes de agosto e que de momento están á espera de que a empresa lles achegue un 'plan B' co que poder saír adiante".

Co Nadal ao virar a esquina, unha das épocas do ano chave para a empresa, fontes sindicais aseguraron descoñecer se Hiperxel poderá afrontar a campaña do Nadal deste ano. "Descoñecemos se se vai a poder afrontar. Se non solucionamos este problema, a empresa morre", alertaron.

Polo de agora, a demanda deste tipo de produtos conxelados, nomeadamente marisco e peixe, segue á alza e, asegura persoal da compañía, moitas das neveiras das tendas están baleiras ou son recargadas con "insuficiente" xénero.

Comentarios