Estas son as medidas do Goberno español fronte ao paro do transporte

A ministra Raquel Sánchez promete unha bonificación para o pagamento dos carburantes de 500 millóns de euros a partir do 1 de abril.
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Ecónomicos, Nadia Calviño, e as ministras de Transportes e de Facenda, Raquel Sánchez e María Jesús Montero, nunha reunión co Comité Nacional de Transporte por Estrada, esta segunda feira (Foto: Goberno de España).
photo_camera A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Ecónomicos, Nadia Calviño, e as ministras de Transportes e de Facenda, Raquel Sánchez e María Jesús Montero, nunha reunión co Comité Nacional de Transporte por Estrada, esta segunda feira (Foto: Goberno de España).

O Goberno estatal acordou coas principais organizacións empresariais do sector do transporte unha bonificación para o pagamento dos carburantes de 500 millóns de euros a partir do 1 de abril, a fin de compensar o impacto que a suba do petróleo está a ocasionar no sector do transporte.

Así o anunciou a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, logo de reunirse co departamento de Mercadorías do Comité Nacional de Transporte por Estrada (CNTC, en español), que di representar 85% das empresas do sector. En concreto, a principal medida acordada será a aplicación de maiores bonificacións por medio do denominado 'gasóleo profesional', que é a bonificación fiscal que o sector do transporte pode aplicar ao imposto de hidrocarburos.

Aínda que o Goberno e as organizacións empresariais pactaron unha nova xuntanza para a vindeira sexta feira para especificar a contía desa nova bonificación, Sánchez avanzou que o seu alcance será de 500 millóns de euros. Estas negociacións prodúcense á marxe do paro indefinido de transportistas convocado por unha asociación minoritaria do sector que non ten representación no CNTC, pero que ocasionou unha alta incidencia na subministración de bens pola presión feita nas estradas e contra condutores asalariados, que, ao non ser unha folga, non estaban chamados ao paro.

Neste senso, o presidente da área de Mercadorías do CNTC, Carmelo González, trasladou as súas "desculpas" a todos os sectores que se viron prexudicados por este paro, a pesar de lembrar que eles non quixeron que se convocase, defendendo, pola contra, o "espírito de atopar solucións". Do seu lado, a ministra referiuse a unha "minoría" de persoas dentro de paro de transportistas que actuaron con "violencia e coaccións", e instou os camioneiros a saíren mañá a traballar, porque o Goberno "estará con eles para defender a súa seguridade e os seus intereses, que representan o interese xeral".

"Agora mesmo hai máis camións parados por medo ás accións violentas e polos bloqueos dos piquetes, aos que nestes momentos seguen sometidas as empresas transportistas que tentan seguir co seu traballo para que non haxa desabastecemento no país, que por secundar o paro", sinalou o vicepresidente executivo da Asociación do Transporte Internacional por Estrada (Astic), Ramón Valdivia, unha das organizacións presentes no CNTC, en declaracións a Europa Press.

Outros acordos

Alén da bonificación fiscal de 500 millóns de euros para o carburante, as negociacións culminaron con outras dúas medidas relevantes para o sector, como proceder á devolución do 'gasóleo profesional' de forma mensual, e non trimestral como até o de agora, e a publicación dos prezos de forma semanal, e non mensual.

Aliás, o Goberno comprometeuse a acelerar todas as medidas consensuadas o pasado mes de decembro, que evitaron un paro convocado polo propio CNTC, entre as que destacan a prohibición de que a carga e descarga a fagan os camioneiros ou reducir a unha hora a espera a partir da cal o transportista pode pedir compensacións aos clientes.

Raquel Sánchez sinalou que a rebaixa de impostos aos carburantes ou do IVE, como pedía a oposición, non é unha opción, posto que a fiscalidade xa é "a máis baixa que permite a normativa europea" e que non ía ter efecto no transporte, debido a que os seus profesionais xa poden aplicar unha dedución do IVE.

Comentarios