Galiza rexistrou 31 accidentes laborais mortais nos primeiros dous meses do ano

Nas empresas galegas houbo 814 sinistros máis que o ano pasado, 54 deles graves.
Accidente laboral
photo_camera Accidente laboral

O Ministerio de Traballo e Economía Social vén de presentar o avance da estatística de accidentes de traballo correspondente aos meses de xaneiro e febreiro, na que a Galiza non queda moi ben parada. 

Segundo os datos do departamento que dirixe Yolanda Díaz, nos dous primeiros meses do ano perderon a vida en accidente de traballo 31 persoas na Galiza, 29 no posto de traballo e dúas de camiño a el. 

Son 25 máis que no mesmo período do ano anterior, aínda que as cifras están condicionadas polo accidente do 'Vila de Pitanxo' en Canadá, no que perderon a vida 21 mariñeiros. 

Aínda así, o número de vítimas mortais tería aumentado en cinco respecto a xaneiro e febreiro de 2021, no que non houbo falecidos 'in itinere'.

Máis sinistralidade 

En total, no posto de traballo houbo no arranque de 2022 un total de 3.949 accidentes laborais na Galiza. Son 814 máis que o ano pasado. Deles, 54 foron graves (seis más). 

No que atinxe aos desprazamentos, o Ministerio recolle 389 accidentes no país, 80 máis que a comezos de 2021. O número de sinistros graves mantense nos catro, pero pasan de 0 a 2 as vítimas mortais. 

No conxunto do Estado a sinistralidade tamén aumentou. Pasouse de 84.426 a 90.580 accidentes laborais, o que supón 7,2% máis. Do total, 80.236 foron accidentes no lugar de traballo e 10.344, con 534 e 130 deles de gravidade.

O número de falecidos en accidente laboral situouse nos 136 nos dous primeiros meses do ano ─118 na propia empresa e 18 'in itinere'─, 31 máis que o ano anterior. 

Así as cousas, máis de un de cada cinco (22%) dos accidentes laborais mortais que houbo no Estado foi na Galiza.

Comentarios