Un novo sinistro laboral nas obras do AVE na Galiza

Un operario de 26 anos tivo que ser trasladado ao Hospital Universitario de Ourense tras sufrir unha descarga eléctrica. Sindicatos denunciaron en reiteradas ocasións a alta sinistralidade nas obras desta infraestrutura na Galiza. 

Imaxe afrquivo obras ave
photo_camera Imaxe de arquivo dunhas obras do AVE na Galiza.

Un traballador das obras da AVE foi trasladado na madrugada desta terza feira após sufrir unha descarga eléctrica no concello de Laza, comarca de Verín.

Segundo informou o 112 Galiza, sobre as 4,00 horas o servizo de emerxencias recibiu a chamada de varios particulares para solicitar asistencia médica para un compañeiro que acababa de electrocutarse cun transformador nas obras da liña ferroviaria de alta velocidade.

Durante as chamadas, as persoas confirmáronlle aos operadores do CIAE-112 que se atopaban no lugar de Albergueira (Vilar de Barrio), no interior do túnel de Prado e que o traballador,  S.G.S, de 26 anos, estaba consciente. Un lugar onde ao longo destes anos xa aconteceron outros sinistros.

Así, en febreiro de 2018 o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Verín decidía  incoar dilixencias previas para a investigación dos accidentes de traballo, algúns deles mortais, ocorridos nas obras do AVE na provincia de Ourense. Unha decisión adoptada  en base á denuncia presentada pola CIG de Verín e A Limia.

Desde a central consideraban que a "concentración de accidentes" laborais rexistrados especialmente no tramo que comprende A Gudiña e Vilar de Barrio, é "de tal magnitude que revela, non só un deficiente funcionamento dos servizos públicos, senón un desleixo absoluto" tanto no cumprimento das normas de seguridade laboral por parte das empresas adxudicatarias como por parte das administracións públicas.

“Escravitude laboral”

Mais a sinistralidade laboral non é a única denuncia grave en torno á obras do AVE. A principios do ano pasado, e tamén a través do sindicato nacionalista, denunciábase "escravitude laboral" nas obras do AVE en Ourense.

O sindicato facía daquela público un informe, extracto doutro máis amplo presentado á Inspección, no que se conclúe que os operarios veñen desenvolvendo “unha media de 4,56 horas extras ilegais ao día, é dicir, 12 horas e media seguidas de traballo, mais tamén hai operarios que chegaron ás 21 horas, duplicando e case triplicando a xornada legal, sendo a excepción os que cumpriron algún día coas 8 horas fixadas no convenio”.

Comentarios