Morre un operario nunha canteira en Carballeda de Valdeorras

Ao caer o 'dumper' que manexaba por un desnivel. É o segundo falecemento nunha semana dun traballador en canteiras desta zona. 

sinistralidade laboral
photo_camera Imaxe de qruivo dun sinistro nunha obra

Un traballador faleceu na madrugada desta quinta feira despois de se precipitar o 'dumper' que manexaba por un desnivel nunha canteira no concello de Carballeda de Valdeorras.

Segundo informou o 112 Galiza, un particular chamou sobre as 00:30 horas para alertar de que acababa de escoitar un "forte estrondo" e que vira caer un camión pola pendente dunha canteira, no lugar de Castrelos, parroquia de Casaio.

Tras iso, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia facilitáronlle os datos aos Bombeiros e ao GES de Valdeorras, á Garda Civil e aos servizos sanitarios.

É o segundo falecemento nunha semana dun traballador en canteiras desta zona

Unha vez no lugar, os membros do GES confirmáronlle ao 112 que se trataba dunha zona de moi difícil acceso, ao ser unha pendente dunha canteira duns 500 metros de altura, indicaron as mesmas fontes de emerxencias.

Os medios de intervención traballaron no punto varias horas, pero debido ao perigo do lugar e ao risco de desprendementos, tiveron que parar e seguir as tarefas ao amencer.

Así, á primeira hora da mañá desta quinta feira, os Bombeiros de Valdeorras confirmaron a localización do corpo do traballador, polo que nada se puido facer por salvarlle a vida.

Comentarios