41.800 paradas de longa duración, só 39% da mocidade ocupada e unha taxa de actividade de 53%: as cifras da EPA na Galiza

A Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o cuarto trimestre de 2023 indica que no anterior exercicio reduciuse o paro en 34.400 persoas. Porén, segundo os sindicatos, séguense mantendo cuestións como as facilidades no despedimento.
Varias personas aprenden mecánica no IES Universidade Laboral de Ourense (Foto: Agostine / Europa Press
photo_camera Varias personas aprenden mecánica no IES Universidade Laboral de Ourense. (Foto: Agostine / Europa Press)

O paro diminuíu en 16.600 persoas na Galiza en 2023, un 12,66% menos que en 2022, fechando o ano con 114.700 persoas desempregadas. Un exercicio no que se crearon 34.400 postos de traballo (+3,1%), até alcanzar os 1.138.900 ocupados e ocupadas, segundo datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre o cuarto trimestre de 2023.

A taxa de paro queda en 9,15%, dous puntos por baixo do 11,76% que ten o conxunto do Estado español. Porén, a taxa de actividade sitúase en 53,19% na Galiza, a segunda máis baixa do Estado (59%), só por encima de Asturias (50,8%). Esta taxa é a medida máis fiábel sobre a participación dos integrantes dunha economía no mercado laboral e calcúlase dividindo a poboación activa (a que traballa ou está en disposición de facelo) entre o conxunto de persoas que contan con 16 anos ou máis. Outro dato que achega esta EPA é que, por sexos, hai 61.700 mulleres paradas e 53.000 homes desempregados. Ademais, de 328.200 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 129.800 (39,5%) están ocupadas, 25.000 (7,6 %) paradas e as 173.500 (52,9 %) restantes están inactivas.

Atendendo os sectores de actividade económica, o número de persoas ocupadas neste trimestre diminuíu en todos eles, agás na industria. Na agricultura e pesca, a diminución da poboación ocupada cifrouse en 1.200 persoas menos que hai tres meses. Na construción, a ocupación baixou en 1.800 e no sector servizos é onde se rexistrou o maior descenso, con 8.700 persoas menos. Na industria, pola contra, a ocupación aumentou en 6.300 persoas.

Aumento da desigualdade e a pobreza para a CIG

Desde a CIG  apuntan que os datos indican unha forte contracción do mercado laboral galego. "A poboación activa redúcese en case 8.000 persoas (0,6%), redución que se reflicte tanto na caída da poboación ocupada como na parada”, explican. O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Francisco Sío, asegura que “a pesar da campaña de propaganda do Goberno español e da Xunta, se se analizan os datos polo miúdo atopámonos con que non son tan positivos, xa que amosan un aumento das desigualdades sociais e da pobreza na Galiza”. Pon como exemplo o avellentamento da poboación e o avance da desertización industrial que "condenan a xente nova, a máis preparada da historia do país”, a ter que emigrar.

Ademais, Sío lembra que "a contratación fixa descontinua esténdese cada vez máis, até o punto de que se incrementou 125% desde 2021". Pola contra, indica que "medran os despedimentos e redúcese a contía das indemnizacións como consecuencia das reformas laborais". Neste sentido, denuncia que "as rescisións de contrato sen superar o período de proba multiplicáronse por 10, o que na práctica supón unha modalidade de despido libre e gratuíto, xa que carece de indemnización".

Marxe de mellora para a UXT

Desde a UXT sinalan que a EPA do cuarto trimestre "fecha 2023 cuns bos datos, fiel reflexo da fortaleza económica que mostrou o Estado español ao longo de todo o ano e completando o segundo ano tras a reforma laboral cunha notábel creación de calidade de emprego e de mellor calidade foi un ano". Porén, trasladan que aínda que “positivo para o emprego, debemos continuar mellorando as condicións laborais”. Neste sentido este sindicato indica que “hai que combater a temporalidade do sector público, reducir a contratación parcial involuntaria, avanzar na redución da xornada laboral, mellorar as Políticas Activas de Emprego e endurecer as causas e custos do despedimento”.

O seu secretario de organización, José Luís Fernández Celis, pon como un dos exemplos que deberían traballarse o da elevada parcialidade involuntaria. "Quen traballa a tempo parcial, mais desexa facelo a completa (49,1% do total) é unha das principais causas da pobreza laboral que debe afrontarse", declara. Por iso, este sindicalista demanda "alcanzar as 35 horas de xornada laboral nesta lexislatura, sempre coa vista posta nunha xornada de 32 horas sen redución salarial".

Por último, Fernández Celis cre que é “fundamental” que na Galiza se acompañe o emprego de calidade “cunha protección adecuada das traballadoras e dos traballadores". Para que isto aconteza, propón que se deben modificar as causas e custos do despedimento, de forma que se axusten á Carta Social Europea Revisada”.

Coa intención de contar coa opinión dos tres sindicatos con maior representación na Galiza, Nós Diario púxose en contacto con CCOO para obter unha valoración dos datos da EPA, mais desde este sindicato sinalaron que na xornada desta sexta feira non farían declaracións.


Na Galiza hai 41.800 persoas paradas de longa duración

Outro dos datos que achega a EPA do cuarto trimestre de 2023 na Galiza é a situación dos fogares e o paro de longa duración. "Ambas as situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias", indican desde a UXT. As cifras indican que no país hai un total de 46.500 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 28.800 fogares que non perciben ingresos. Das 114.700 persoas que están no desemprego, unhas 41.800 levan máis de un ano nesta situación.

En opinión de Francisco Sío (CIG), "coa reforma do subsidio de desemprego semella que o Goberno español, en vez de atallar o problema, o que procura é culpabilizar a xente de non atopar traballo". Neste sentido, este sindicalista lembra que "hai que conseguir que haxa condicións de traballo dignas e moitas das ofertas laborais que hai non as teñen". Desde a CIG apuntan que, neste tema "o mercado laboral galego, en relación a certos colectivos como é o caso das persoas maiores de 55 anos, non é capaz de atoparlles traballo", unha situación que, denuncia, "o Goberno español  non atallou nin está facendo nada por atallar, todo o contrario".

Comentarios