Galiza perde cada día máis de 100 persoas afiliadas á Seguridade Social

No mes de decembro o número de filiacións baixou en 3.331 embora o paro rexistrado caese en 351 persoas.

O paro rexistrado na Galiza baixou en 351 persoas en decembro. Un descenso, 0,21%, que fica por baixo da baixada media no Estado español, que foi de 1,08%. O desemprego, ademais, aumentou en sectores como a Industria (594 persoas máis rexistradas no paro que en novembro), nos sectores primarios (231 desempregadas máis) ou Construción, con 1.014 persoas máis anotadas nas oficinas do paro. Porén, o tirón no sector servizos da man dun mes, decembro, de consumo, equilibrou a balanza.

Así pois o paro rexistrado baixou. Mais, nese mesmo mes de decembro, baixaron tamén as afiliacións á Seguridade Social. O último mes de 2019 despediuse deixando 1.020.259 persoas afiliadas na Galiza, o que é 3.331 menos que no mes anterior. Isto é, continúa a minguar a poboación activa (xubilacións, emigración...).

Na Galiza a afiliación á Seguridade Social caeu en 0,3% mentres que no conxunto do Estado a tendencia foi a contraria, a aumentar: subiu 1,4%.

Mellores son os resultados se miramos os dados interanuais: o paro rexistrado descendeu en 3.987 persoas, un descenso pois de 2,36% mentres no Estado foi de 1,21%. O que non acaba de ‘arrincar’ son as afiliacións: Na Galiza nestes últimos 12 meses aumentaron en 1,4% mentres no Estado foi de 2,02%.

Comentarios