As presións sindicais fan recapacitar H&M: non fechará a tenda de Ourense e trasladará a de Vigo

A multinacional do sector téxtil acordou reducir o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) a 349 traballadoras e traballadores, polo que o cadro de persoal na Galiza verase afectado en moita menor medida. A mobilización no país foi amplamente secundada por non entender as políticas de fechamento, entre as que estaba acabar cunha das tendas máis rentábeis. No entanto, o comercio de Narón si vai desaparecer.
Protesta de persoal de H&M esta semana. (Foto: CIG)
photo_camera Protesta de persoal de H&M esta semana. (Foto: CIG)

Nun contexto de recortes no sector téxtil, cunha notábel incidencia tamén na Galiza, esta tarde transcendeu que finalmente a compañía de venda de moda H&M non desmantelará toda a estrutura que tiña previsto eliminar no país. Malia que o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) segue vixente, o mellor parado vai ser o cadro de persoal do negocio de Ourense.

A empresa chegou a un preacordo coa representación sindical a nivel do Estado español para cancelar o fechamento desa tenda, que era unha das tres que pendían dun fío na Galiza. De feito, a mobilización das e dos empregados empezou alí, pois mentres o resto levaban dúas concentracións, en Ourense xa acumulaban catro protestas.

Comisións Obreiras avanzou que das 1.100 persoas que ían estar afectadas pasouse "a un máximo de 349" en todo o territorio español. Eso implica que se salve a tenda de Ourense (que era das máis rentábeis) e 20 postos e tamén, en certo modo, a de Vigo.

H&M ten actualmente dúas superficies comerciais nesa cidade pero tiña previsto eliminar unha. Agora a clausura será substituída por un traslado. "O persoal desta última tenda formará parte dun expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) cun 80% de salario" mentres non se concrete a nova localización do estabelecemento, aclararon fontes sindicais.

O que parece inamovíbel é a despedida do negocio aberto en Narón, pois non transcendeu nada ao respecto, ao igual que aínda non se comentou se as condicións laborais do global do persoal galego cambiarán en algo coa aplicación desta reestruturación. Unicamente comentouse que haberá 170 persoas que terán que acollerse a unha redución de xornada, pero aínda non se lles puxo nome.

No caso daquelas persoas que se acollan ao ERE de forma voluntaria terán unha indemnización de entre 45 e 33 días por ano traballado e unha prima por antigüidade.

En calquera caso, Comisións aclarou que o preacordo aínda ten que ser ratificado por ambas partes antes da próxima terza feira, 25 de maio.

Comentarios