Finaliza sen acordo a reunión entre o comité de Vitrasa e a empresa, polo que se mantén a folga

A CIG sinalou que estaba disposta a "suspender" o paro mentres se negocie, pero que Vitrasa "insiste na desconvocatoria". Polo que a reunión finalizou sen acordo.
Concentración de persoal de Vitrasa esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal de Vitrasa esta segunda feira (Foto: Nós Diario).

A reunión decorrida esta luns entre o comité de empresa e a dirección de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, finalizou sen acordo tras catro horas de encontro, segundo informou a Confederación Intersindical Galega (CIG), maioritario no órgano de representación o persoal.

A CIG puxera sobre a mesa a exixencia de que se retirasen os expedientes a traballadores e as sancións de dous meses de emprego e soldo impostas a unha ducia de empregados pero, segundo denunciou, a empresa "unicamente se mostrou disposta a retirar catro expedientes" e, con respecto ás sancións, "iría vendo mentres se negocia". Todo iso coa condición de que o comité desconvocase a folga indefinida até o próximo 31 de decembro.

A central sindical sinalou que estaba disposta a "suspender" o paro mentres se negocie, pero que Vitrasa "insiste na desconvocatoria". Polo que a reunión finalizou sen acordo.

Por tanto, mantense o paro indefinido e o calendario de protestas e, esta terza feira, os traballadores están chamados a concentrarse ás 05 horas fronte ás instalacións de Vitrasa, para desprazarse despois cara ao Concello, onde haberá unha concentración a partir das 10 horas.

A continuación, en lugar da manifestación prevista ás 12.30 desde Praza América, os traballadores concentraranse ás 12 horas fronte ao museo Marco, onde está previsto un acto institucional con motivo do Día da Constitución, con presenza, entre outras autoridades, do delegado do Goberno na Galiza, Pedro Branco, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Segundo apunta a CIG, "a protesta está organizada pola Federación Veciñal 'Eduardo Chao', baixo o lema 'Por un transporte público digno. Vitrasa e Concello solución!'.

Reacción da empresa

Pola súa parte, a empresa criticou que o comité se "negase a negociar" até que se acordase a retirada de todos os expedientes abertos aos empregados, a pesar de que a dirección de Vitrasa presentase unha oferta de convenio que incluía incrementos salariais e melloras económicos.

Comentarios