O comité de Vitrasa acusa o Concello de Vigo e a empresa de "manipular a información" sobre o conflito

O persoal critica que o Goberno local estea a intentar politizar unha lexítima protesta laboral pretendendo facer crer que todo este conflito está organizado por unha organización política e por un sindicato. “Desde o comité de empresa parécenos vergoñento e unha falta de respecto a todo o cadro de persoal de Vitrasa”.
Mobilización do persoal de Vitrasa esta cuarta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Mobilización do persoal de Vitrasa esta cuarta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).

O comité de empresa de Vitrasa (transporte urbano de Vigo) acusou o Concello de Vigo e a empresa de manipular a información referente ao conflito laboral que manteñen desde hai máis de dous anos pola negociación do convenio colectivo. O cadro de persoal continuou esta cuarta feira coas mobilizacións no marco da folga indefinida para reclamar un convenio digno, cunha manifestación desde as instalacións da compañía e unha concentración posterior diante do consistorio vigués.

Desde a representación do cadro de persoal sosteñen que as recentes declaracións dos responsábeis municipais aos medios de comunicación “non se axustan á realidade do que acontece e só atenden á versión nesgada da dirección da empresa”.

Neste sentido, lembran que levan agardando máis de dous anos a que a compañía mostre disposición a negociar a renovación do convenio, “polo que lamentamos que actualmente, e a pesar do prexuízo que se lle está a causar á cidade, Vitrasa aínda non achegase nin unha soa proposta de convenio”.

Até o punto de que a empresa se presentou na mediación coa única pretensión de intentar que se desconvocase a folga. “A única parte que estaba interesada en buscar solucións era a representación do persoal, mesmo chegamos a aceptar a suspensión da folga durante unha semana -a pesar de non ser a nosa postura inicial e de ser a nosa única forma de presión- para poder comprobar o talante negociador da empresa; suspensión que continuaría en caso de que se producisen avances na negociación”.

Politizar a protesta

Ao mesmo tempo, critican que o Goberno local estea a intentar politizar unha lexítima protesta laboral pretendendo facer crer que todo este conflito está organizado por unha organización política e por un sindicato. “Desde o comité de empresa parécenos vergoñento e unha falta de respecto a todo o cadro de persoal de Vitrasa”.

Non hai que esquecer que o comité está composto por cinco delegados de CIG, catro de CCOO, dous de UXT e outros dous de USO, “polo que non hai unha maioría absoluta, ao contrario do que ocorre no Concello de Vigo. As decisións están a tomarse de forma unánime e co apoio mostrado en asemblea pola maioría do persoal”.

Por iso entenden que con estas actitudes o Goberno local pretende unicamente evitar asumir a súa responsabilidade no conflito” e trata de esconderse tras a cortina de fume das declaracións que no seu día realizou o alcalde exixíndolle ás partes sentarse a negociar até atopar unha solución ao problema do transporte público da nosa cidade”.

Consideran que a actitude de Vitrasa é totalmente contraria ao exixido polo rexedor. “A empresa estase a burlar do máximo representante do Concello, da cidadanía e das persoas traballadoras. Polo que lle reclamamos ao alcalde que tome as medidas necesarias para recuperar de inmediato o transporte público da cidade para os seus cidadáns, xa que é da súa exclusiva competencia”.

Comentarios