Correctivo da xustiza ao Concello de Vigo: os servizos mínimos nos paros de Vitrasa vulneran o dereito á folga

Segundo explican desde o comité de empresa de Vitrasa, os decretos de servizos mínimos, ademais de estabelecer unha porcentaxe de vehículos que deben saír obrigatoriamente á rúa, ordenan que os autobuses que xa estean circulando no momento no cal se inician os paros teñen que continuar recollendo viaxeiros até media hora despois do comezo dos paros.
O persoal e Vitrasa reclama solucións (Foto: Nós Diario).
photo_camera O persoal e Vitrasa reclama solucións (Foto: Nós Diario).

O Concello de Vigo volve “quedar en evidencia unha vez máis” de acordo coa Confederación Intersindical Galega (CIG). Afirma isto no marco do conflito que a concesionaria do transporte urbano (Vitrasa) mantén co cadro de persoal a conta do convenio colectivo.

Nesta ocasión despois de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) veña de concluír que os decretos de servizos mínimos fixados durante os paros parciais “conculcan o dereito de folga”.

Segundo explican desde o comité de empresa de Vitrasa, os decretos de servizos mínimos, ademais de estabelecer unha porcentaxe de vehículos que deben saír obrigatoriamente á rúa, ordenan que os autobuses que xa estean circulando no momento no cal se inician os paros teñen que continuar recollendo viaxeiros até media hora despois do comezo dos paros.

Atentado contra o dereito de folga

Para a representación sindical esta disposición do Concello “atenta claramente” contra o dereito de folga, “posto que a pesar de xa ter asignado un número de servizos mínimos, durante a primeira media hora dos paros parciais o número de vehículos que traballan é moi superior á porcentaxe indicada”.

A reclamación do comité fora estimada parcialmente polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo, pero agora o TSXG vén de anular esa sentenza, dando a razón ao comité de empresa e estimando a súa reclamación inicial.

Comentarios