Fin ao conflito da lousa en Valdeorras: a empresa e a comunidade de montes asinan un acordo

Remata o litixio pola propiedade do chan que impedía a actividade louseira en Valdeorras e, con iso, manter os máis de 200 postos de traballo.
Momento da sinatura do acordo (Foto: Concello do Barco).
photo_camera Momento da sinatura do acordo (Foto: Concello do Barco).

O grupo louseiro Irosa-Samaca e a Comunidade de montes Portela Trigal chegaron esta terza feira a un acordo para pór fin ao litixio pola propiedade do chan que impedía a actividade da empresa e, con iso, manter os máis de 200 postos de traballo.

Para iso, foron necesarias catro reunións, até esta última na que  contaron coa presenza do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, como intermediario. Na primeira reunión, decorrida a mediados de setembro, houbo unha toma de contacto e un achegamento de posicións. Nas tres seguintes, avanzouse progresivamente até chegar ao preacordo do pasado día 10 de novembro, no que xa se garantía a permanencia dos postos de traballo.

Agora, no documento asinado por representantes da empresa e da comunidade de montes, contémplanse dúas solucións, unha por cada unha das posibilidades esperadas na resolución definitiva do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) do expediente de expropiación.

Se o TSXG dá a razón aos comuneiros, a empresa poderá alugar o chan durante os próximos 11 anos, prorrogábeis, para a actividade. Por contra, se a sentenza é favorábel para Irosa-Samaca, esta poderá traballar indefinidamente. O acordo asínase co compromiso de que ningunha das dúas partes poida recorrer a sentenza, saia favorábel para a parte que saia.

Fin ao desafiuzamento

Con este acordo solicitarán ao xulgado que se poña fin ao desafiuzamento programado para o día 29 de novembro e que se dea continuidade á empresa por un mínimo de 11 anos. 

As partes implicadas, así como o alcalde do Barco, mostraron a súa satisfacción polo acordo e especialmente polo que supón para que a empresa manteña a súa actividade e os postos de traballo, 200 directos e case 100 indirectos.

Comentarios