Un conflito pola propiedade pon en risco dúas louseiras de Valdeorras

Traballadores de Valdeorras continúan coas súas protestas polo desafiuzamento dunha das louseiras.
Lousa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Explotación de lousa. (Foto: Nós Diario)

Persoal das louseiras Irosa e Samaca, inmersas nun conflito pola propiedade, no medio do cal a Garda Civil executou esta terza feira un desafiuzamento, atópanse á espera de que se produza unha reunión entre a empresa e os integrantes da comunidade de monte veciñal en man común onde se atopan os terreos das explotacións.

Despois das protestas da terza feira, cando se concentraron fronte ao Concello do Barco, e tras momentos de tensión durante o desaloxo, esta cuarta feira a primeira hora persoal das louseiras cortou o tráfico na estrada que comunica a parroquia de Sobradelo, no municipio de Carballeda de Valdeorras, coas instalacións das louseiras.

Xa pola tarde, desprazáronse até Irosa, mais "por cortesía" e "deferencia" cos operarios, xa que os representantes do persoal non confían en que se vaia a convocar o devandito encontro se a estas alturas non teñen "noticia", en palabras da voceira da CIG, Paco Moral. 

"Teoricamente as dúas partes, empresa e comuneiros, están dispostos, mais aínda non sabemos nada", afirmou Moral. A próxima sexta feira está convocada unha nova mobilización, a partir das 19 horas, cunha manifestación que partirá do pavillón municipal do Barco.

Esta terza feira, un total de 230 operarios das louseiras protestaron despois de que a Garda Civil executase unha orde de desafiuzamento na explotación de Samaca. Por outra parte, no caso da explotación de Irosa, segundo sinalaron os representantes do persoal, foron quen de parar o desafiuzamento. "Despois da orde de desafiuzamento produciuse unha expropiación co apoio da Xunta da Galiza", denunciou Moral, que explicou que este feito implicou momentos de tensión.

Petición de mediación

A Confederación Empresarial de Ourense sinalou esta cuarta feira que espera "que se resolva" o conflito das louseiras de Valdeorras "canto antes, polo ben dunha comarca enormemente ligada a este sector de actividade", para o que solicita a mediación das autoridades competentes.

A patronal avogou por "evitar a paralización destas industrias das que dependen máis de 500 traballadores e traballadoras, entre empregos directos e indirectos". A organización empresarial chamou a retomar a actividade para "impedir que a situación se vexa agravada".

Comentarios