O comité de Ferroatlántica critica a "nefasta xestión" pola empresa da emerxencia do COVID-19

Reprocha á dirección de Xeal que as únicas medidas adoptadas sexan as "beneficiosas para empresa"
ferroatlantica

O comité de Ferroatlántica, agora Xeal, denuncia o que cualifica de “nefasta xestión” que está a facer a dirección da emerxencia polo coronavirus, “non garantindo a seguridade e a saúde dos seus traballadores e traballadoras e mantendo no seu posto de traballo a compañeiros e compañeiras que se atopan nos grupos de risco”.

O comité critica que a empresa non está a consultar coa representación social a adopción das medidas preventivas “e nin sequera tivo a ben trasladar un listado de persoas en grupo de risco elaborado polo servizo médico”. Polo que nestes momentos, denuncia a representación do persoal, hai traballadores e traballadoras que, “a pesar de formar parte dalgún dos grupos máis vulnerábeis, teñen que seguir acudindo ao seu posto de traballo con normalidade”.

O comité reclama da empresa que lle traslade un listado das persoas en grupo de risco para garantir que ningunha delas estea acudindo a traballar así como que adopte “todas cantas medidas preventivas sexan necesarias”.

Solicitan a dotación de EPIs para todo o persoal no número necesario e a hixienización dos postos, así como a reorganización do traballo para poder garantir que se respectan as distancias de seguridade e non se producen aglomeracións.

A medidas postas en marcha até agora, afirma o comité, “foron as máis doadas e beneficiosas economicamente para a empresa e non se contou coa participación do comité para a súa aplicación”.

Comedor

“Ferroatlántica pecha tamén o comedor social, de maneira  unilateral para aforrar custes, cando na práctica esta medida non supón ningún tipo de beneficio nin protección adicional para o persoal. De feito, agora vémonos na obriga de desenvolver a  actividade laboral de xeito continuado durante máis de 8 horas e media sen xantar, nin sequera servizo de bocadillos, e sen que se nos teñan dado ningún tipo de facilidade de adaptación horaria”.

O comité incide que a empresa “fai caso omiso a petición da representación legal dos traballadores de tomarlle o control da temperatura na entrada a todas as persoas que acceden nas instalacións” e que tamén se nega a darlle un certificado aos traballadores que teñen que desprazarse ao seu posto de traballo

Comentarios