A fenda salarial para a mocidade é de case o 50% a respecto dos outros grupos de idade

Aos baixos ingresos súmase altas taxas de temporalidade e situacións de precariedade
Os salarios da mocidade seguen a estar polo baixo. (Foto: M. Arrazola)
photo_camera Os salarios da mocidade seguen a estar por baixo. (Foto: M. Arrazola)

Unha das constantes que se repiten en calquera estudo ou informe laboral sobre a mocidade é a dos baixos salarios. Así, os últimos datos ao respecto indican que as persoas menores de 25 anos perciben de media ao ano un salario de 12.270,40 euros, fronte aos 24.395,98 euros que perciben o conxunto das idades, o que supón unha diferenza de 12.125,58 euros e da lugar a unha fenda salarial do 49,7%. 

As persoas de entre 25 e 34 anos cobran ao ano de media 19.563,03 euros, 4.832,95 euros menos que o conxunto das idades, unha brecha de 19,8%.

Aumento

En Galiza, cos datos do tramo de 25 a 34 anos, a fenda é do 20,7%. As persoas menores de 25 a 34 anos perciben de media ao ano un salario de 17.580,05 euros, fronte aos 22.177,40 euros que perciben o conxunto das idades, o que supón unha diferenza de 4.597,35 euros e da lugar a unha fenda salarial do 20,7%.

A isto engádese que a poboación ocupada entre 16 e 29 anos diminuíu en 119.723 persoas de 2008 a 2019. Se en 2008 a Galiza contaba con 241.599 persoas empregadas nesa franxa de idade, á volta de 2019 non superaba as 118.336, desaparecendo o 53,9% dos postos de traballo no grupo de 16 a 24 anos e o 46,8% no sector de 25 a 29. 

A mocidade representaba en 2008 o 20,4% da poboación ocupada, situándose en 2019 en 11,3%, caendo a taxa de actividade xuvenil en 10,5 puntos. Pola contra, o grupo de 30 a 64 anos recuperaba en 2018 a taxa de emprego existente en 2008 e en 2019 conseguía incrementala.

O Informe sobre a empregabilidade da mocidade na Galiza, presentado polo Consello Económico Social (CES), analizou o peor comportamento do emprego na mocidade durante a coñecida como gran recesión.

Así, recolleu que “mentres o número de persoas asalariadas de 30 ou máis anos apenas variou de 2008 a 2011, neste curto período prescindiuse de unha de cada tres persoas traballadoras asalariadas de 16 a 29 anos.  

Xa en 2019, con relación a 2008, o emprego asalariado de máis idade aumentou un 7,9%, mentres que o máis novo caeu nun 51,6% para o colectivo de 16 a 24 anos e o 45,3% para o de 25 a 29 anos”.

Os datos de ocupación -os referidos a quen ten un traballo remunerado- de 2020 volveron pór de manifesto que a mocidade foi o colectivo máis golpeado pola crise detonada pola pandemia. 

O número de ocupados caeu en 2020 en 10,8 %, debido a unha variación negativa de 12,4% no grupo de 16 e 24 anos e de 10 % no de 25 a 29, pasando a representar o 10,3% dos traballadores ocupados entre 16 a 64 anos, a metade de 2008.  

Comentarios