“Os 25 días de folga en EINSA demostraron a capacidade de loita das e dos traballadores”

Entrevistamos a Alberte Amado, secretario da sección sindical da CIG en EINSA. O plantel desta empresa de artes gráficas con centros en As Pontes e Pontedeume, vén de recibir o Premio Dez de Marzo da CIG.
Alberte Amado, secretario da sección sindical de CIG en EINSA e secretario da unión local das Pontes.
photo_camera Alberte Amado

Onde arranca o conflito?

A empresa viña atravesando dificultades económicas desde 2009, xa que se creara en As Pontes ao abrigo de subvencións e axudas, recibindo case 50 millóns de euros nese concepto. Porén, desde 2009 por mor dunha mala xestión tivo que refinanciarse por importe de 40 millóns e a partir de aí comezaron a xurdir problemas.

A empresa tentou recortar até un 30% dos salarios e despedir a 29 compañeir@s.

Coa reforma laboral do PP viron a luz e optan pola vía dos recortes laborais para tentar resolver a situación. A empresa tentou recortar unha porcentaxe moi importante do salario, até o 30%. Tamén pretenderon retirar o plus de horas festivas, co que farían que valese o mesmo traballar un luns que un domingo. E a maiores disto engadíanse 29 despedimentos. Neste senso é manifesto que a empresa actuaba de mala fé xa que ese é o número exacto que lles permitía evitar un ERE e optar por despedimentos individuais inmediatos.

Cal foi a súa reacción perante as pretensións da empresa?

Fronte a isto desde o Comité de Empresa comezamos a traballar para evitar que estas medidas se materializaran. O primeiro que fixemos foi un peche dentro das instalacións da propia empresa dos membros do Comité, ao que a dirección reacciona ordenando despedimentos. Houbo mesmo compañeiros que se enteraron de que foran despedidos polo ingreso bancario do finiquito, xa que nin llo comunicaran, nin por escrito nin verbalmente.

Descoñecíamos a vontade da empresa a respecto de se esta quería ou non continuar a súa actividade

A partir de aí convocamos unha asemblea de traballadoras e traballadores, co obxecto de abordar un novo calendario de mobilizacións, no que o plantel decide facer indefinida a folga que se acababa de encetar, dado que a empresa xa despedira a 28 compañeiros. O máis complexo do conflito foi que descoñecíamos a vontade da empresa a respecto de se esta quería ou non continuar a súa actividade. Había unha falla total de comunicación.

Foi duro o conflito?

Foron 25 xornadas de folga. Durante todo o tempo as protestas dos traballadores contaron cunha presenza policial completamente abusiva e innecesaria. Por outra parte a empresa mesmo se atreveu a denunciar aos integrantes do Comité de Folga, exixindo a cantidade astronómica duns 50.000€ por cada día de folga, por considerala abusiva e ilegal, algo que era disparatado e que nos obrigou a acudir ao SMAC.

Foi duro evitar o desánimo por tantos días seguidos de folga, para o que decidimos por exemplo facer camiñadas desde a empresa até a vila, recibindo moitísimo apoio da veciñanza das Pontes e de Pontedeume, e outras accións como cortes de tráfico, cazoladas na casa do dono da empresa ou visitas ás institucións. Houbo mobilizacións e asembleas todos os días e mesmo algúns actos simbólicos como ir a doar sangue a Neda baixo o lema “antes de que nos zuguen o sangue doámola”. E todo malia as presións da empresa que mesmo chamaban a compañeiros para tentar forzalos a abandonar a folga.

Recibiron algún tipo de apoio institucional?

Non obtivemos nin as respostas nin o apoio institucional que mereciamos

Non obtivemos nin as respostas nin o apoio que mereciamos. Estivemos varias veces no IGAPE e o primeiro que tiñamos que escoitar de cada vez era que “a reforma laboral está como está e perder salario se ides seguir cobrando non é tan malo”, premendo para que desistiramos e chegásemos a un acordo. Mesmo cualificaron de “mal menor” os 29 despedimentos. Estas respostas eran moi chocantes tendo en conta a cantidade de axudas públicas que percibira a empresa e que en canto rematan xa teñen un grave problema financeiro.

Que balance fan do conflito unha vez concluído?

A valoración é positiva sobre todo pola capacidade de loita que demostraron as e os compañeiros nun contexto moi desfavorábel. Logramos facer recuar a empresa rebaixando nunha grande medida as súas pretensións. Conseguimos a readmisión dos compañeiros despedidos, aínda que non nas condicións que nos gostaría xa que se lles reduciu xornada, mais con prioridade para ir aumentándoa. O principal logro foi que despois deste conflito a empresa viuse obrigada a mudar de actitude e a enfrontar doutra maneira a toma de decisións.

Que factores incidiron no éxito da súa loita nun contexto xeral tan difícil?

 A loita obreira non nos era algo alleo nesta comarca e iso facilitou enfrontarmos este conflito coa combatividade que era necesaria

Sobre todo o feito de que a empresa estaba a impornos un sacrificio importante dos nosos salarios sen ningún tipo de garantía e para nada. Nós non tiñamos que pagar cos nosos salarios a mala xestión da empresa. Para alén de inxustas as medidas non garantían tampouco a viabilidade e só beneficiaba ao patrón mantendo os seus lucros, e as remuneracións do consello de administración e un cadro de mandos sobredimensionado. A propia empresa recoñecía que o único que ían lograr con esas graves medidas era apenas gañar un pouco de tempo para refinanciar o crédito de 40 millóns e que haberá que comezar a amortizar a partir de xullo. As cargas financeiras da empresa son desorbitadas este ano 3 millóns, o próximo 5 e o seguinte 8 e así até 2019.

Sumouse tamén a experiencia histórica que nesta bisbarra hai de loitas sindicais, en Endesa ou a creación dos polígonos. A loita obreira non nos era algo alleo e iso facilitou enfrontarmos este conflito coa combatividade que era necesaria.

Comentarios