A caída do emprego no sector servizos fai medrar o paro na Galiza após seis meses consecutivos de descensos

En agosto asináronse 64.507 novos contratos, dos que só 16.090 foron indefinididos, mentres o 75%, un total de 48.417, tiñan carácter temporal.
Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)
photo_camera Un mozo diríxese á Oficina de Emprego da Xunta da Galiza en Compostela. (Foto: Riobó Prada)

O número de persoas rexistradas como paradas nas oficinas de emprego da Galiza non fixo máis que descender entre febreiro e xullo do presente ano, pasando das 145.048 de xaneiro ás 127.445 do sétimo mes do ano. Mais agosto, segundo os datos que vén de ofrecer o Ministerio de Traballo, racha con esta tendencia e volve incrementar o desemprego no país.

O pasado mes fechou con 280 persoas máis inscritas no paro, elevando a cifra total a 127.725. Por circunscricións, só en Pontevedra baixa o paro (-98), fronte aos ascensos da Coruña (282), Lugo (73) e Ourense (23). Na comparativa interanual, porén, son 14.187 menos as e os desempregados que en agosto de 2022, o que se traduce nun descenso de 10%.

Do total de persoas paradas na Galiza, case seis de cada dez, en concreto 76.208, son mulleres, e o resto, 51.517, homes. Aliás, só o 3,7% (4.722) son mozos e mozas de menos de 25 anos, cunha repartición case exacta entre homes (2.360) e mulleres (2.362).

Partindo dos mesmos datos de agosto, a inmensa maioría de parados e paradas corresponde ao sector servizos, cun total de 90.668, mentres 12.873 traballaban na industria, 8.744 na construción, 4.018 no sector primario e até 11.422 non tiñan un emprego anterior. E só na categoría de servizos, con todo, medrou o desemprego (+517), mentres nos restantes minguou.

No que atinxe aos contratos asinados, foron 64.507 o pasado mes, uns 11.399 menos que en xullo e 7.276 menos que en agosto do ano anterior. Deles, só 16.090 foron indefinididos, mentres o 75%, un total de 48.417, tiñan carácter temporal. Entre xaneiro e agosto de 2023 concretáronse no país 483.683 contratos laborais, 66,9% deles temporais e 33,1%, indefinidos.

Datos estatais

No conxunto do Estado español, o número de parados rexistrados subiu en 24.826 en relación ao mes anterior (+0,9%), motivado, igual que na Galiza, polo sector servizos, que concentrou boa parte do incremento do desemprego. Coa suba de agosto ponse fin a unha serie de cinco meses consecutivos de descensos do paro.

"Esta suba é inferior ás producidas desde o ano 2016 e atópase moi por baixo da media da serie histórica. Desde hai 25 anos, o paro aumenta en agosto debido aos ciclos estacionais do modelo produtivo. De feito, en termos desestacionalizados, o paro rexistrado baixa en 23.373 persoas", xustificaron desde o departamento liderado por Yolanda Díaz.

Comentarios