30% das persoas desempregadas da Galiza leva dous ou máis anos buscando traballo

Medra a preocupación pola realidade laboral.
Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oficina de Emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O número de persoas desempregadas de moi longa duración (polo menos dous anos en situación de paro) situouse nas 36.400 persoas na Galiza, o que supón 3.300 desempregadas menos que hai un ano, aínda que a súa proporción sobre o total de desempregadas aumentou 3,8 puntos porcentuais, até supor unha taxa de 30,2%.

Así se desprende do Monitor Adecco de Oportunidades e Satisfacción no Emprego, que toma en consideración cinco áreas fundamentais na contorna laboral das persoas como son a remuneración, a seguridade laboral, as oportunidades de emprego e desenvolvemento profesional, a conciliación entre a vida persoal e a profesional e a conflitividade laboral.

A Galiza atópase entre as autonomías do Estado español onde a cobertura por desemprego se reduciu no último ano. A caída, de 4,5 puntos porcentuais, diminúe esta variábel até 73%.

En canto á conflitividade laboral, o número de folgas tivo un retroceso interanual de 19,4%, estabelecéndose en 12 por cada 100.000 empresas, a sexta maior proporción entre as autonomías. A Galiza é o terceiro territorio con maior proporción de folguistas, con 29 participantes por cada 100.000 ocupadas, 24,4% menos que en 2022.

A crise económica segue a ser a maior inquietude

A crise económica mantense como o primeiro problema da cidadanía do Estado español no barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de abril, unha enquisa que reflicte un aumento da inquietude polo desemprego e tamén pola calidade do traballo que, por primeira vez, se coloca como quinta preocupación.

En concreto, a crise económica aparece citada en 43,5% dos cuestionarios (caendo dúas décimas porcentuais respecto a marzo), seguida do desemprego, que anota unha suba de cinco puntos porcentuais e chega a 34,8%, a súa peor marca desde o pasado mes de xullo de 2022.

En terceira posición, cun punto porcentual menos que en marzo, figuran os problemas políticos (22%), mentres que a sanidade, que cae 3,2 puntos porcentuais, até 16%, mantén a cuarta praza.

A novidade rexístrase no quinto posto, que por primeira vez é para os problemas relacionados coa calidade do emprego, que pasa de 9,8 a 14,2% nun mes, coa maior marca desde xaneiro de 2020.

Comentarios