Elimínase a obriga de notificar baixas laborais ás empresas

Coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) entrará en vigor o novo modo de control das baixas, que se enviarán directamente ás empresas de maneira telemática.
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).

O último Consello de Ministros e Ministras do Estado español do ano 2022 deu luz verde a un decreto que elimina a obriga das persoas traballadoras de enviar a baixa médica ás empresas.

Coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) entrará en vigor o novo modo de control das baixas, que se enviarán directamente ás empresas de maneira telemática.

Só unha copia da baixa

Así, os servizos médicos non emitirán dúas copias da baixa, dos partes de control ou da alta da mesma -para a persoa traballadora e a compañía-, senón só a da persoa enferma.

"Só se entregará unha copia á persoa traballadora; e elimínase tanto a segunda copia, como a obriga de que sexa a propia persoa traballadora quen entregue esta copia na empresa, entidade xestora ou mutua", sinala a norma.

"Menos burocracia"

Segundo indicaron por parte de fontes gobernamentais, esta mudanza pretende "axilizar trámites e eliminar obrigas burocráticas". "Non queremos alongar innecesariamente os procesos, o que supón un importante beneficio para empresas e traballadores", acrecentaron.

Comentarios