Efectos da precariedade laboral: Galiza, á cola do Estado en enfermeiras

Os recursos humanos son a medida para determinar a calidade asistencial dun sistema de saúde. A ausencia de compromiso investidor por parte da Xunta da Galiza está reducindo o número de profesionais nos diversos niveis sanitarios. As baixas ratios de enfermeiras son un exemplo claro.
As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)
photo_camera As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)

A Galiza sitúase un punto por baixo da media estatal en dotacións de enfermaría. Segundo os datos recollidos no Informe de recursos humanos da enfermaría 2020, elaborado polo Consello Xeral da Enfermaría, a ratio de enfermeiras é de 5,19 por cada 1.000 habitantes, fronte a 6,02 do conxunto do Estado. Só Murcia, con 4,59 profesionais por cada 1.000 habitantes, e Andalucía, con 5, rexistran unhas cifras peores que a Galiza, situándose nos postos de cabeza Nafarroa con 8,6, Euskadi con 7,69 e Melilla con 7,14.

A fenda da Galiza cos Estados da Unión Europea (UE) é aínda máis grande. Así, a ratio media para o conxunto da UE atópase en 7,68 enfermeiras por cada 1.000 habitantes. O cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) debería incrementarse en 6.695 persoas para achegarse a esa porcentaxe.

Outro tanto acontece cos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE), con 8,18 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, ficando, tamén, moi lonxe das cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Cumprir cos estándares da OMS requiriría contratar 9.368 profesionais.

O portavoz de SOS Sanidade, Manuel Martín, considera “un problema” contar cun dos índices máis baixos do Estado en enfermeiras, porque “realizan actividades fundamentais e a súa falla repercute na calidade asistencial e na seguridade dos doentes”. Pola súa banda, a directiva da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria Karin Meier sinala que “sorprende este déficit de persoal cando contamos con tantas facultades de enfermaría” e destaca que “a pandemia só veu agravar unha carencia de persoal que se arrastra desde hai anos”.

As cifras preocupan. Os peores datos rexístraos a área sanitaria de Ourense, con 3,75 enfermeiras por cada 1.000 habitantes; presentando os mellores Lugo, con 7,07 por cada 1.000 habitantes. No medio, A Coruña, Ferrol e Compostela, cunhas porcentaxes por riba da media galega, e Pontevedra e Vigo teñen números por baixo do conxunto do país. A este respecto, a situación do conxunto das áreas e, particularmente, de Ourense non deixou de empeorar na última década. Precisaría arredor de 800 novos profesionais para achegarse á media galega, 1.205 para achegarse ao conxunto da Unión Europea e 1.539 para cumprir as recomendacións da OMS.

Atención Primaria, a “irmá pobre” do sistema

A Atención Primaria lévase, máis unha vez, a peor parte. Segundo a información achegada polo Consello Xeral da Enfermaría, 1.809 profesionais desenvolven a súa actividade nos centros de saúde, o que representa 0,68 enfermeiras por cada 1.000 habitantes, reducíndose o seu número total en 6% entre 2010 e 2019. Ao tempo, a situación agrávase na Galiza pola alta taxa de avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica, que obriga a contar con cadros de persoal máis amplos para dar resposta ás necesidades asistenciais. A este respecto, os investigadores da Universitat Pompeu Fabra Jaume Puig-Junoy e Ruth Puig Peiró sinalan que no Estado español “as persoas de máis de 65 anos de idade realizan un consumo de Atención Primaria un 50% superior á media”.

O déficit de persoal de enfermaría non se pode separar da falla de investimento público en saúde. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, Galiza destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante, situándose só por riba de Madrid e das Illes Balears e sendo 79,4 euros por habitante inferior ao de Estremadura, 73,3 euros por habitante inferior ao de Castela-A Mancha e 61,6 euros por habitante inferior ao de Nafarroa. Ao tempo, outros territorios cunha poboación menos avellentada que a galega superan o gasto do país, chegando no caso de Andalucía a 220,74 euros por habitante ou no do País Valenciá a 196,46 euros por habitante.

“Hai varias razóns que explican este déficit de enfermeiras”, comenta Martín a Nós Diario. O portavoz de SOS Sanidade pon o foco nun “modelo sanitario baseado nas médicas e na situación de moito persoal de enfermaría traballando nunhas condicións laborais moi precarias e sen estabilidade”. Nesta mesma orientación, Meier lamenta “a falla de apoio das administracións” e “a situación de precariedade laboral que atopas cando rematas a carreira e que impide atopar unha praza estábel no Sergas até que pasen arredor de 10 anos desde a túa saída da facultade”.

As enfermeiras, "moi ben valoradas"

“As enfermeiras que saen das universidades galegas están moi ben formadas”, afirma Manuel Martín, quen se amosa convencido que “con outras condicións laborais as profesionais que están fóra volverían”. Asemade, Meier destaca como “as enfermeiras galegas está moi ben valoradas en toda Europa pola súa alta cualificación e a súa grande formación”.

Comentarios