Detidas tres persoas pola morte dun traballador en Carballo

A vítima carecía de equipamento de protección individual co que protexerse e non tiña o permiso legal para traballar no Estado español.
Vehículo da Garda Civil. (Foto: Europa Press)
photo_camera Vehículo da Garda Civil. (Foto: Europa Press)

A Garda Civil vén de deter tres persoas por mor da morte dun operario nunha empresa do polígono de Bértoa, en Carballo (Bergantiños), o pasado 26 de febreiro. O home carecía da protección adecuada e do permiso legal para traballar no Estado español.

Os feitos ocorreron o mencionado día pola tarde, cando a vítima se precipitou ao baleiro desde unha carretilla elevadora na que se atopaba traballando. Urxencias Sanitarias-061 chegara a mobilizar o helicóptero con base en Santiago, pero os profesionais desprazados até o lugar só puideron confirmar o seu falecemento.

Por mor deste suceso, a Garda Civil iniciou unha investigación para esclarecer as circunstancias do sinistro. Así, os Equipos Territoriais de Policía Xudicial constataron que, no momento dos feitos, o falecido carecía de equipamento de protección individual co que protexerse, así como da acreditación legal para traballar en territorio estatal.

De tal modo, o Instituto Armado procedeu a realizar até tres detencións, a primeira delas a pasada quinta feira, día 21, e as outras en días posteriores. En concreto, foron apresados un responsábel da compañía promotora das obras de reforma e outros dous responsábeis da empresa contratada para a súa execución. Os tres quedaron en liberdade xa en sede policial.

Comentarios