Denuncian en Inspección de Traballo o incumprimento da concesionaria do 112 do laudo que puxo fin a 83 días de greve

Os traballadores e traballadoras do servizo non desbotan retomar as mobilizacións.

 

112
photo_camera Imaxe dunha das mobilizacións do persoal.

Acordo galego de solución extraxudicial de conflitos no traballo (AGA) emitía o 6 de xullo de 2017 un laudo no que se recoñecían todas as demandas laborais dos traballadores e traballadoras do servizo 112, que protagonizaran unha greve de 83 días. Poñíase fin así a un paro no que decorreran 180 piquetes e mobilizacións de todo tipo, 6 xuntanzas no AGA para que as partes acordaran someterse a unha arbitraxe que se resolveu cun laudo que poñía fin á greve

Oito meses despois, aquel laudo non se cumpre. Recoñéceo en conversa con Sermos Galiza Isabel Moares, do comité do 112. “Oito meses despois da fin daquel conflito non é que esteamos para botar foguetes: a empresa incumpre o laudo. Sentamos en varias ocasións con eles para intentar chegar a acordos e non houbo xeito. Incluso chegamos a ir outra vez ao AGA para que instase a empresa a cumprir laudo. Por iso levamos isto a Inspección de Traballo”.

Ademais, explica a representante do cadro de persoal, “trasladamos ese incumprimento ao novo xerente de Axega (Axencia Galega de Emerxencias). E dixémoslle que fariamos o que teñamos que facer para que ese laudo se cumpra, sen desbotar retomar as mobilizacións. Hai compañeiros que xa din que a situación así non pode seguir”.

O conflito comezou en abril do ano pasado co traslado de Compostela a A Estrada do persoal da Axencia Galega de Emerxencias, 112, un servizo público que é prestado por unha empresa privada. O comité do 112 advirtía da falta de información, improvisación e desleixo na 'deslocalización' dun servizo fundamental para a poboación. Os traballadores denuncian “falta de planificación”, unha perda do 14% do seu salario e que se van enfrontar a unha plataforma tecnolóxica aínda “en fase de desenvolvemento e probas”. 

Comentarios