Sanidade

Denuncian fugas de persoal pola "inasumíbel carga de traballo" nas urxencias do Hospital da Mariña

Desde a CIG-Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade.
Urxencias do hospital da Mariña (Foto: CIG-Saúde).
photo_camera Urxencias do hospital da Mariña (Foto: CIG-Saúde).

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) da Mariña denuncia novamente a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola “inasumíbel carga de traballo á que se ve sometido e debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal, que chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola sociedades científicas”.

“As condicións son tan penosas e estresantes que logo dun curto tempo traballando séntense sobrepasados e buscan outros postos de traballo onde poidan desenvolverse coma profesionais, sentirse realizados, e escapar do sentimento de frustración que lles provoca traballar no Hospital da Mariña”, sinalan desde a central sindical.

O sindicato nacionalista detalla aentre as “fugas” recentes un facultativo de Hospitalización a Domicilio (HADO) a mediados de febreiro, dous facultativos do Servizo de Urxencias (un a finais de marzo e outro esta quinta feira), un médico especialista en neuroloxía (a finais de xaneiro) e varios facultativos de Medicina Interna en xuño, en novembro e decembro de 2022, “un deles a día de hoxe segue sen cubrir (dende finais de decembro de 2022) xa que ninguén quere vir traballar ao Hospital da Mariña, como xa foi denunciado pola central nacionalista o 1 de marzo de 2023”.

"Estrés permanente"

As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. “O nivel de tensión dispárese e nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, expertos advirten do perigo de vivir sometido a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo, segundo a CIG.

“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG-Saúde A Mariña.

Todo o anterior “deriva en baixas por causa da sobrecarga de traballo que ao non ser cubertas xeran unha situación na que menos profesionais teñen que asumir toda a carga de traballo entrando deste modo nunha espiral sen saída. Isto implica unha saturación do sistema, máis listas de agarda e unha mingua da calidade asistencial que afecta finalmente aos pacientes”.

"Solución ou dimisión"

Do mesmo modo, desde a CIG-Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que dote dos recursos necesarios para garantir unha atención médica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que “presente a súa dimisión”.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG-Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.

Comentarios