xoves 01/10/20

Denuncian descontos ilegais nas nóminas do servizo forestal contra incendios

CIG, CCOO, UXT e CSIF presentarán unha demanda xudicial contra Medio Rural por vulneración de dereitos fundamentais.
Xosé González, conselleiro de Medio Rural
Xosé González, conselleiro de Medio Rural

Os sindicatos CIG, CCOO, UXT e CSIF levarán á Consellaría do Medio Rural por aplicar "descontos ilegais" nas nóminas dos técnicos forestais contra incendios, en folga desde o pasado 1 de agosto, como "represalia" por esta medida de protesta. Así llo trasladaron aos traballadores afectados, aos que indicaron que na demanda xudicial "por vulneración grave de dereitos fundamentais" pedirán que se repoñan as cantidades non abonadas.

Nun comunicado conxunto os sindicatos ven unha clara intencionalidade da Xunta en "amedrentar e desmovilizar" aos traballadores, após comprobar o "éxito" da folga, secundada "de forma maioritaria", no que consideran unha "represalia". Esta demanda vaise sumar a que xa anunciaron por "esquirolismo patronal"

Os descontos que denuncian aplícanse nos días nos que os traballadores desenvolven o seu labor en cumprimento dos servizos mínimos, segundo os sindicatos, que indicaron que en todo momento se respectaron de forma "estrita" eses mínimos, o cal "dá fe da máxima responsabilidade e compromiso do colectivo".

Así, consideran que isto é "un acto de mala fe" de Medio Rural para "coaccionar" aos traballadores e tratar de "impedir o exercicio do dereito a folga". Esta actitude, agregaron, é "antidemocrática, antisindical e contraria aos dereitos fundamentais e as liberdades públicas".

comentarios