A defensa dun rural con futuro centra a II Asemblea Nacional de Fruga

Decorrerá en Lugo o vindeiro 29 de marzo para analizar a situación do rural galego e dar respostas.

Fruga
photo_camera Fruga

O 29 de marzo decorrerá no recinto do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo a II Asemblea Nacional da Federación Rural Galega (Fruga), tres anos despois daquela I AN na que baixo o lema ‘Galiza rural, orgullosa de ser’ debatérase desde a soberanía alimentar até a PAC.

Para a organización agraria, Coa chegada do PP de Núñez Feijóo ao Goberno, o rural galego “padeceu unhas políticas tremendamente agresivas”, derivadas dunha acción política presidida polas teorías máis neo-conservadoras e neo-liberais, “o que implica unha acción planificada de destrución” do tecido social rural, “que ten a súa mostra máis evidente na constante desaparición de unidades produtivas agrarias e no abandono do rural”. Políticas que, indica a Fruga, están a provocar pobreza e desertización da maior parte do territorio galego.

Fronte a isto desde a Federación sosteñen que hai que erguer alternativas e sentar as bases para un outro rural, con futuro, e que sirva tamén como polo de desenvolvemento para o país. Cuestións que serán tratadas na II AN. A efectos organizativos, a asemblea decorrerá entre as 10:30 e as 14:30 horas, para dar paso a un xantar de convivio. Haberá transporte colectivo desde as distintas comarcas.

Comentarios