A oposición acusa a CRTVG de "represaliar traballadores"

O cadro de persoal convoca novas xornadas de paro.
A asemblea de traballadores e traballadoras da CRTVG decorreu no exterior das instalacións. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A asemblea de traballadores e traballadoras da CRTVG decorreu no exterior das instalacións. (Foto: Nós Diario)

Os grupos da oposición no Parlamento da Galiza (o do BNG e o do PSdeG) acusaron esta segunda feira á dirección da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) de "represaliar traballadoras e traballadores" após cambiar de departamento catro xornalistas. O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu que se traba "dun feito cotián en todas as empresas do sector audiovisual" e avanzou que "haberá máis cambios". "Todos os que a empresa considere oportunos para acomodar o cadro de persoal", asegurou. 

O cambio de dous traballadores da redacción da Radio Galega ás redaccións de Informativos da TVG e ao departamento web, así como de outros dous da televisión á radio, foi un dos temas que centrou a Comisión Permanente non Lexislativa de Control da CRTVG que decorreu esta segunda feira na Cámara galega. Estes cambios foran denunciados polo comité intercentros da CRTVG como "represalias" aos xornalistas por parte da coordinadora dos informativos por "negarse a manipular" noticias.

Así, a deputada do BNG María González Albert, criticou que "represalien traballadores" e que o motivo non sexa "mellorar a calidade do medio público", senón "máis ben o contrario". 

A deputada do PSdeG Noelia Otero explicou na comisión parlamentaria que se sucederon varios traslados "drásticos" e "inexplicábeis" de profesionais que "levan nalgúns casos tres décadas na mesma área". Para a parlamentaria socialista, estes cambios producíronse porque "se negaron a cambiar unha información" ou "por pedir explicacións pola parálise dunha reportaxe sobre deficiencias nun centro de ensino".

Na mesma comisión, González Albert tamén criticou a falta de pluralidade dos espazos de opinión da corporación pública, así como o uso partidista da CRTVG por parte do Partido Popular.

Feitos "cotiáns"

Na súa intervención, Sánchez Izquierdo mostrouse "sorprendido" ante tales acusacións, xa que considera que estes traslados son "un feito cotián en todas as empresas do sector", dixo. 

O que é director xeral do ente público desde o ano 2009 defendeu que non se realizan catro cambios "dun día para outro" obedecendo a "casuísticas particulares". Ademais, negou que os traslados tivesen relación coa "suposta manipulación informativa" e argumentou que a decisión foi tomada "unha semana antes de que houbese un incidente entre un redactor da Radio Galega e un dos seus xefes".

Sobre a folga da pasada segunda feira, Sánchez Izquierdo pediu que non se fale dos traballadores da CRTVG "no seu conxunto", xa que "un dos dous sindicatos maioritarios non secundou as mobilizacións". "Non é algo que preocupe ou faga cambiar de rumbo a esta dirección", engadiu o director.

Novas xornadas de folga

Pola súa parte, o cadro de persoal da CRTVG convocou esta segunda feira unha asemblea no exterior das instalacións, despois de que o director de Recursos Humanos da corporación prohibise as convocadas os pasados 9 e 11 de marzo dentro do centro de traballo.

A asemblea xeral de traballadoras e traballadores que decorreu esta segunda feira acordou convocar dúas novas xornadas de folga a sexta feira 24 e sábado 25 de marzo. Estes paros son a continuación do xa convocado o pasado 6 de marzo no que persoal da CRTVG protestou contra "a manipulación, o desmantelamento e os abusos laborais nos medios públicos da Galiza". Esta xornada de folga obrigou a modificar as emisións programadas.

Comentarios