O Comité Intercentros da CRTVG acusa a dirección de restrinxir asembleas de persoal

Nunha carta remitida ao propio Intercentros, o director do departamento de recursos humanos da CRTVG, Víctor Tubío, indica que “o lugar de reunión das próximas asembleas non poderá ser dentro das instalacións da empresa en San Marcos.
A redacción da CRTVG baleira durante a xornada de folga (Foto: Comité Intercentros da CRTVG).)
photo_camera A redacción da CRTVG baleira durante a xornada de folga (Foto: Comité Intercentros da CRTVG).)

A folga do cadro de persoal da CRTVG provocou a reacción por parte da corporación da radio e televisión públicas galegas á cal, o Comité Intercentros acusa agora de “obstruír as asembleas de traballadores”.

Nunha carta remitida ao propio Intercentros, o director do departamento de recursos humanos da CRTVG, Víctor Tubío, indica que “o lugar de reunión das próximas asembleas non poderá ser dentro das instalacións da empresa en San Marcos [Compostela] por non ter transcorridos dous meses desde a última, dentro do centro de traballo”.

Para alén diso, Tubío acrecenta que “as asembleas deberán ter lugar fóra das horas de traballo”.

En resposta a esta misiva, o Intercentros respondeu que “sempre tivemos as asembleas que nos pareceu e cando nos pareceu”.

O presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite asegurou a este respecto que “a empresa, na súa lóxica represiva, obstrúe a celebración de asembleas”.

A folga

A folga por parte de persoal da CRTVG tivo lugar a pasada segunda feira, e, segundo fontes do cadro de persoal houbo “moita participación”.

24 horas de paro que deixaron as "redaccións baleiras" en San Marcos e que impediron, ademais, a emisións de varios espazos habituais na programación tanto da Televisión da Galiza como na Radio Galega. E isto, malia uns servizos mínimos "abusivos" que recorrerán vía xudicial, confirmaron desde o comité de folga, como informaba Nós Diario.  

Sobre os datos de seguimento da folga, desde o Intercentros aseguraron que "malia que a empresa non nos queixo pasar os datos, tal e como llelos pedimos, estamos moi satisfeitas co seguimento da folga. Se non os quere pasar é porque non lle son favorábeis".

Comentarios