O comité intercentros da CRTVG prepara novas protestas "contra os abusos laborais e a manipulación informativa"

Está convocada para esta segunda feira unha nova asemblea do persoal no exterior das instalacións de San Marcos, após impedir a dirección a xuntanza no interior logo da folga do pasado 6 de marzo que logrou "baleirar as redaccións".
Unha das accións de protesta do persoal da CRTVG nas instalacións de San Marcos, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha das accións de protesta do persoal da CRTVG nas instalacións de San Marcos, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

O comité intercentros da CRTVG volve reunirse en asemblea esta segunda feira a primeira hora da tarde para someter a aprobación de todo o persoal a convocatoria de novos paros, após a folga organizada o pasado 6 de marzo, para a sexta feira 24 e o sábado 25 de marzo, "en contra dos abusos laborais e a manipulación informativa". O paro de 24 horas da pasada semana contou con "moita participación" e logrou "baleirar as redaccións", salientaron desde o comité.

A asemblea decorrerá desta volta nos exteriores das instalacións de San Marcos, en Santiago de Compostela, tras recibir un escrito do director de Recursos Humanos da corporación, Víctor Tubío, prohibindo as xuntanzas de traballadoras e traballadores previstos para os días 9 e 11 de marzo dentro destas dependencias, "por non ter transcorridos dous meses desde a última celebrada dentro do centro de traballo", ao abeiro do artigo 78 do Estatuto dos Traballadores.

A asemblea convocada no exterior, precisan desde o comité intercentros, adoptará o formato de concentración para trasladar o "rexeitamento" do cadro de persoal á prohibición das asembleas, unha decisión da compañía que consideran "inédita" e que a representación sindical enmarca "no contexto de escalada represiva sen precedentes á que a dirección da CRTVG está a someter o persoal da canle pública coa finalidade de acalar as súas protestas contra a manipulación dos contidos informativos e a represión interna".

Nunha entrevista concedida a Nós Diario antes da folga do 6 de marzo, o presidente do comité, Tiago Alvite, apuntaba como razóns das protestas a unha "marxinación laboral" de moitos traballadores e traballadoras, o "trato degradante" por parte dos superiores, o "desprestixio profesional", a "continua negación de dereitos laborais" ou as "sancións sen fundamentos" impostas desde a dirección.

No momento actual, precisaba Alvite, converxen "dúas cuestións relacionadas pero diferenciadas": por unha parte, a "problemática laboral interna de abusos"; por outra, o "movemento social que reivindica unha CRTVG ao servizo do pobo e que reclama o cumprimento da lei vixente", a través de accións como a multitudinaria manifestación do pasado novembro en Compostela.

A folga do persoal da corporación chegou a pasada ao Parlamento galego da man da deputada nacionalista e xornalista María Albert, que lembrou que o actual director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, leva no posto máis dunha década após ser "nomeado a dedo en 2009 por Alberto Núñez Feixoo". Acusouno de usar "os medios públicos ao servizo do Partido Popular na Xunta".

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, saíu ao paso das críticas da formación nacionalista asegurando que "leva no ADN querer controlar os medios de comunicación". "Temos unha audiencia espectacular na CRTVG, que é querida pola xente", xustificou.

Comentarios