A CIG denuncia a "dirección ilegal, nomeada a dedo e autoritaria" da CRTVG

"É nomeada segundo criterios de afinidade persoal ou ideolóxica, coa finalidade de asegurar a manipulación dos contidos informativos e converter a CRTVG nun gabinete de propaganda ao servizo da Xunta e o PP", apunta o sindicato, que acusa os altos cargos da corporación de "negar dereitos e reprimir" o seu persoal.
Sede central da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela) #tv #televisión #radio #crtvg #tvg #radiogalega #xornalismo (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sede central da CRTVG en San Marcos, Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

A sección sindical da CIG na CRTVG vén de denunciar a través dun comunicado a "degradación alarmante" do marco de relacións laborais dentro dos medios públicos. Unha "deterioración" que se debe a "unha dirección cuxa vinculación coa CRTVG é de dubidosa legalidade", aseguran, citando unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza do pasado ano que "pon en cuestión a relación laboral de máis de 30 persoas que na actualidade conforman o groso da estrutura directiva da corporación".

Neste senso, desde a central sindical afirman que é "nomeada a dedo, segundo criterios de afinidade persoal ou ideolóxica, coa finalidade de asegurar a manipulación dos contidos informativos e converter a CRTVG nun gabinete de propaganda ao servizo do Goberno galego e o Partido Popular". Unha dirección, inciden, que "non dubida en sancionar persoas traballadoras sen fundamento, mais non ten a mesma disposición para sancionar superiores xerárquicos ou funcionais que inflixen tratos degradantes ao seu persoal".

E neste punto aluden ao recente caso denunciado polo comité intercentros dun xornalista da Radio Galega que foi derivado a un programa da TVG após, apuntaban, "negarse a manipular" unha información. "Como medida de castigo [a dirección] traslada o persoal que denuncia a manipulación dun medio para outro, sen lle importar a desprofesionalización e a perda de calidade do servizo que se produce ao apartar traballadores e traballadoras xa formadas por moitos anos de experiencia na linguaxe específica do seu medio e destinalo a outro que non domina de igual maneira", subliñan desde a CIG.

A respecto desta cuestión, sosteñen tamén que na corporación pública "contratan en  prácticas persoal seleccionado por tribunais designados directamente polo director de Recursos Humanos, sen contar coa previa proposta de membros e composición realizada pola Comisión de xestión das listaxes de contratación temporal consonte ao artigo 32.3.5 do convenio colectivo".

E a eses mesmos bolseiros e bolseiras, advirten, "asígnanlles funcións de maior responsabilidade, mentres persoas traballadoras con carreiras profesionais máis longas son apartadas das tarefas ou espazos máis complexos ou que requiren de maior experiencia ou capacitación profesional, obstaculizando o seu progreso profesional e xerando grande desmotivación e insatisfacción laboral".

"Vulnerando a legalidade, retira taboleiros sindicais da redacción da Radio Galega, aducindo a redución ao máximo das actividades susceptíbeis de producir molestias e distraccións, mais desatende a petición da parte social de dispor dun espazo sindical na Intranet, á que ela si recorre veloz cando quere cargar contra a representación sindical", engaden.

A CIG lamenta tamén que a corporación "denega o traballo a distancia para facer efectivo o dereito á conciliación", recollido no Estatuto dos Traballadores, "alegando que non está regulado, cando é ela mesma a que impide esa regulación".

Outro dos aspectos que cuestiona a CIG é que a dirección dos medios públicos "pretende dispor todo ano de xubilados e xubiladas parciais no treito final das súas carreiras profesionais e de persoas relevistas con xornadas e salarios do 50%, convencida de ser dona e señora das súas vidas".

Finalmente, conclúen: "Lonxe de axustar a súa actuación aos principios de obxectividade, imparcialidade, transparencia, responsabilidade, exemplaridade e honradez que obrigan a todos os empregados públicos, definitivamente perde a moderación e a calma necesarias para se entregar ao autoritarismo e a represión das persoas traballadoras ao seu cargo".

Comentarios