venres 24/09/21

Críticas á Xunta e a Medio Rural por impor a Administración electrónica

A CIG critica que a Xunta obrigue a gandeiras e agricultoras a recorrer ás xestorías privadas no canto de poñer os medios para que a Administración electrónica sexa accesíbel a toda a poboación.
José González, titular de Medio Rural da Xunta (Foto: Arxina)
José González, titular de Medio Rural da Xunta (Foto: Arxina)

A CIG-Administración Autonómica vén de exixir a Xunta a eliminación "urxente" da  obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos á cidadanía e persoas autónomas mentres non se garantan as súas competencias e acceso dixital.

Segundo denuncia a central sindical a través dun comunicado, esta obriga prexudica gravemente a cidadanía do rural e as persoas autónomas que desenvolven a súa actividade neste ámbito, que se ven abocadas a buscar axuda en xestorías privadas.

A responsábel nacional do sector da Autonómica, Zeltia Burgos, argumenta que a poboación do rural galego "ten un acceso deficiente tanto aos medios dixitais como as súas competencias" o que, ao seu entender dificulta "acceder en condicións de igualdade co resto da poboación á realización destes trámites".

Burgos salienta ademais que en moitos casos non dispoñen da capacidade económica e técnica que se requiriría. "O illamento poboacional, a súa dispersión, o envellecemento, a falta de infraestruturas dixitais e a grave carencia de competencias dixitais na poboación como consecuencia da falta de programas formativos adecuados impulsados pola Xunta, fai que os pequenos produtores do sector primario se vexan obrigados a acudir a empresas xestoras".

Persoal nas oficinas comarcais

Nesta liña, a responsábel da CIG critica tamén que a Xunta non está a cubrir as numerosas vacantes nas oficinas comarcais, denega permisos e vacacións e mesmo o teletraballo baixo pretexto da necesidade da atención á cidadanía ao tempo que restrinxe a devandita atención persoal pola obriga da relación electrónica.

Burgos considera que isto é "un sensentido que quere culpabilizar ao persoal da mala xestión política que obriga aos cidadáns a recorrer ás xestorías privadas na vez de habilitar ao seu persoal para rexistrar". A solución na súa opinión é sinxela: cubrir as prazas vacantes de veterinarias, técnicas agrarias e auxiliares e habilitalas para asesorar, acompañar e rexistrar trámites en oficinas comarcais.

Como lembra, a lei inclúe a figura da persoa funcionaria habilitada de rexistro para apoiar e acompañar a cidadanía nestes trámites. Porén, a día de hoxe non se habilitou ningunha praza en oficinas agrarias comarcais nin en distritos forestais.

comentarios