martes 21.01.2020

A crise destruíu en Galiza o 20% dos empregos no mar

Só nos dous primeiros meses de 2015 perdéronse 1.235 postos de traballo, unha media de 21 cada día. Desde 2008 até hoxe foron máis de 5.400 os empregos perdidos.

Barco despezado nun peirao.
Barco despezado nun peirao.

A crise económica está a bater con dureza no sector do mar de Galiza, un importante alicerce do emprego e o desenvolvemento que desde hai uns anos sofre unha sangría de perda de empregos: por volta dun 20% dos que este sector xeraba hai sete anos, no 2008.

Esta realidade é certificada polos informes de afiliación na Galiza ao réxime especial do Mar da Seguridade Social, os dados que permiten coñecer con exactitude a magnitude da destrución de emprego neste sector. Neste rexime están os mariñeiros, as mariscadoras, os estibadores, o persoal das confrarías, os embarcados na mercante, as redeiras, os pequenos armadores... A comezos de 2008 sumaban 25.893 afiliacións. A 28 de febreiro de 2015 esa cifra era de 20.411. Iso supón unha perda desde o inicio da crise de máis do 20% dos empregos galegos no mar. Un total de 5.482 postos de traballo menos.

Hai unha década máis de 30.000 persoas estaban suxeitas ao réxime especial do Mar en Galiza. Agora son 10.000 menos

Esta queda deixouse notar, e moito, tamén no comezo deste 2015. En decembro había 21.646 persoas rexistradas no réxime especial do Mar da S.S. Dous meses despois son 1.235 menos, o que supón unha media de 21 empregos perdidos cada día.

Hai unha década máis de 30.000 persoas estaban suxeitas ao réxime especial do Mar en Galiza. Unha perda de 10.000 empregos nunha década.

Cómpre lembrar que en só unha década a frota pesqueira galega perdeu máis de mil trescentas embarcacións. De 5.565 embarcacións censadas en 2004 ás 4.204 de inicios do presente 2014. Unha perda sufrida principalmente no sector de baixura, o máis importante para Galiza.

comentarios