Coren debe incorporar ao seu cadro de persoal máis de mil falsos autónomos

CIG lembra que as mobilizacións e denuncias perante Inspección de Traballo foron as que obrigaron á empresa a ter que dar este paso.

asemblea servicarne frigolouro

O grupo Coren anunciou que ía incorporar ao seu cadro de persoal como traballadores e traballadoras por conta allea ao máis dos mil falsos autónomos que prestan servizo en todos os seus centros de traballo (Coren, Frigolouro, Novafrigsa, etc.) a través da falsa cooperativa Servicarne.

A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, afirma que esta decisión chega como consecuencia da loita do persoal falso autónomo organizado na CIG e da intensa campaña de denuncias tramitadas pola central nacionalista na Inspección de Traballo, que obrigou as empresas a dalo de alta no réxime xeral da Seguridade Social.

Martínez sinala que o anuncio feito onte polo grupo Coren non fai parte de ningún trato de favor cara a estes empregados, “senón que a empresa vese obrigada a facelo para cumprir coa legalidade, unha vez que fracasou o seu intento de lograr que a Inspección paralizase o expediente mentres Coren e as outras empresas recorrían a decisión”.

“A partir de agora temos que ver como seguimos avanzando na regularización deste persoal e na mellora das súas condicións laborais: é necesario regularizar a xornada, establecer horarios de traballo, fixar os días de descanso semanais, aplicar o convenio colectivo en todos os seus termos, cumprir a lei de riscos laborais, etc”.

Comentarios