Xustiza

"Non é accidente, é asasinato": exixen "xustiza" para Unai Martínez no xuízo pola súa morte na refinaría de Repsol

Esta quinta feira comparecen ante o xuíz representantes de Repsol e Nervión, empresa para a que Unai traballaba, para tentar esclarecer os feitos.
Concentración ás portas dos Xulgados da Coruña pedindo "xustiza para Unai". (Foto: Manel Méndez)
photo_camera Concentración ás portas dos Xulgados da Coruña pedindo "xustiza para Unai". (Foto: Manel Méndez)

"Non é accidente, é asasinato". As feridas abertas pola morte o pasado ano do traballador coruñés Unai Martínez na refinaría de Repsol seguen sen cicatrizar para os seus compañeiros, amizades e familiares. Na mañá desta quinta feira, 14 de setembro, día no que os representantes tanto de Repsol como de Nervión —empresa para a que Unai traballaba— deberán declarar ante o xuíz para tentar esclarecer os feitos, decenas de persoas concentráronse ás portas dos Xulgados exixindo "xustiza para Unai" polo que consideran unha neglixencia por parte da empresa.

As persoas alí presentes advertiron que "de ningún xeito" van consentir "que o asasinato de Unai sexa sepultado no eido baleiro do silencio e o esquecemento", tal e como expresaron perante a lectura dun comunicado ante os medios de comunicación alí presentes. "Ben sabemos que o sangue dos obreiros non cotiza en Bolsa e que sae de balde derramalo a mans cheas", lamentan desde a plataforma 'Xustiza para Unai'.

Repsol achegou un informe realizado por unha comisión de investigación da que formaron parte persoal técnico da refinaría, delegados de prevención e representantes sindicais que atribuíu o sinistro a un "incumprimento" dos protocolos, debido a unha apertura "non autorizada" da tapa dunha tubaxe que fixo que tanto Unai como outro operario, que resultou ferido mais logrou sobrevivir, inhalasen gas residual. Ese foi o motivo do pasamento.

"O permiso de traballo utilizado só autorizaba a tarefa de suavizado de pernos, pero non permitía a apertura de tapas, polo que se produciu unha apertura non autorizada dunha tubaxe de proceso", concluíu a comisión, nun informe que o sindicato maioritario na compañía, CIG, se negou a asinar porque non incluía a responsabilidade subsidiaria de Repsol no que atinxe á "falta de formación" e a "precariedade" do persoal das subcontratas.

Para a plataforma, este informe pretende "descargar toda a responsabilidade" nos traballadores. "Somos nós, con moito orgullo, os que erguemos o noso dedo e acusámolos de encheren os seus sucios petos de beneficios a costa de chuparnos aos traballadores até a derradeira pinga do noso vermello sangue", afirmaron, ao tempo que puxeron o foco nas empresas por "importarlles un carallo a morte dunha persoa con tal de aforraren uns miserábeis euros suprimindo as medidas necesarias de seguranza".

"Foron dous encargados de Repsol, a fatídica mañá do sábado, para non ter un camión parado e evitar gastos, os que decidiron mandar un traballo que estaba programado para o martes seguinte e por outra empresa. Esos dous encargados de Repsol déronlle a orde aos encargados de Nervión para que ese traballo se levase a cabo ese mesmo sábado. E sen cuestionarse nada e sen tomar ningún tipo de medida de seguranza, sabendo que non tiñan autorización para realizar ese traballo, os encargados de Nervión déronlles a orde directa a Unai e ao seu compañeiro para levaren a cabo a apertura da tapa dunha canalización", aseguran.

E falan tamén da falta de medios no lugar para atender os afectados após o accidente: "Que dicir de que non houbese médico nin ambulancia medicalizada? Como cualificar o feito de que a ambulancia tardase 45 eternos minutos? Como chamarlle a que tivesen que ser os propios compañeiros os que tivesen que realizar os labores de reanimación? ".

A familia e amizades de Unai Martínez censuran tamén a "complicidade" dos medios de comunicación, a Inspección de Traballo e os sindicatos. "Agás a CIG", din, por non asinar o informe que "responsabilizaba Unai e o compañeiro". "Pódese caer máis baixo? Pódese ser máis rastreiro e miserabel?", sentenciaron no seu comunicado, para rematar demandando máis unha vez "xustiza para el e o resto de vítimas" do que denominan "terrorismo patronal".

Comentarios