O comité de Pescanova alerta de que o ERE "non solucionará os problemas"

Afecta cen traballadoras e traballadores de Chapela e de Madrid.
Sede de Pescanova, en Vigo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sede de Nova Pescanova en Vigo. (Foto: Europa Press)

O comité de empresa de Pescanova España Back Office Chapela (do grupo Nova Pescanova) prometeu esta quinta feira "traballar desde o primeiro momento" para "minimizar" o impacto do ERE extintivo anunciado pola empresa esta semana, e que se propón para un centro de traballadoras e traballadores das oficinas de Chapela (en Redondela, comarca de Vigo) e Madrid.

O anuncio coñeceuse un día antes da toma de posesión formal como conselleiro delegado da empresa de Jorge Escudeiro e mentres as negociacións entre Abanca e a compañía canadense Cooke para vender a empresa están abertas. O comité lamentou, ademais, chegar a esta situación "por unha deriva equivocada, sen rumbo nin capitán".

Así o comunicaron ao cadro de persoal, após realizar esta quinta feira unha xuntanza urxente e despois de que a empresa confirmara a súa intención de negociar esa medida regulatoria, argumentando motivos "organizativos" e "económicos". 

Reducir os despedimentos

O comité apostou por negociar para diminuír o número de despedimentos e conseguir "unhas condicións suficientes que permitan rematar o proceso coa aplicación de medidas voluntarias de adhesión". "O comité está unido e loitará para defender os dereitos das persoas traballadoras", sinalaron.

Con todo, lamentaron que a empresa chegara a esta situación "por unha deriva equivocada" e recordaron que todo o persoal de Pescanova contribuíu a "facer medrar" a empresa e non queren "vela desaparecer". "Xuntas denunciaremos que non somos as persoas traballadoras as culpábeis da situación que a empresa está atravesando, e un ERE de 100 persoas non arranxará o futuro", subliñou o comité de empresa en Chapela. 

Comentarios