A Comisión de Centro do CHUAC denuncia a sobrecarga asistencial

As traballadoras e traballadores advirten de que o “déficit de persoal histórico” que padece o CHUAC se ve agravado na situación actual, cando os procedementos “deben ser escrupulosos e rigorosos”.

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Imaxe do hospital da Coruña.

O déficit de persoal que padece o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) incide directamente na saúde das e dos pacientes. É a denuncia que esta mañá fixeron, diante dos medios de comunicación, Lucía Peón (CIG), Betty Roibal (UXT), Begoña Rivas (CCOO), Marina Tallón (Omgea), Paula Armada (SAE) e Ana Luísa López (Satse).

Así, a Comisión de Centro puxo de manifesto que a falta de traballadoras e traballadores provoca que non se poida ofrecer atención de calidade e que se dificulte “a seguridade coa que se atende”.

“Neste momentos as medidas de hixiene e distanciamento social son as que se teñen demostrado máis efectivas nesta pandemia”, afirman as integrantes da Comisión, que advirten de que non poden garantirse “sen unha dotación de persoal axeitada ás necesidades.

É urxente, salientan, unha dotación estábel de profesionais, e “rematar dunha vez coa contratación precaria, que vén realizando esta Xerencia desde hai anos”. Piden, así mesmo, garantir uns contratos estábeis de canto menos até finais de maio do próximo ano.

“Estamos vendo que se está a elevar o número de contaxios nos e nas profesionais”, din, algo en que “incide directamente a sobrecarga actual de traballo, a rotación continuada de servizos, a falta de información, formación”...

Tamén advirten da contratación en precario, que provoca unha fuga constante de persoal sanitario. “Actualmente están contratados uns profesionais en contratos de días, semanas e o máis suculento, de un mes”, denuncian, “isto non é unha contratación estábel, isto máis ben son medidas de aforro e de desgaste cara aos e ás profesionais”.

Neste contexto, a Comisión esixe á Xerencia que dote de persoal as diferentes unidades, adecuándoas á carga asistencial, así como que proceda a unha contratación estábel que facilite unha atención de calidade e segura tanto para as profesionais como para as usuarias.

Non é o único colectivo que protesta contra a xestión de Sanidade. Na mañá da sexta feira, sindicatos fixeron fronte común contra a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra pola xestión dos surtos nos hospitais.

Comentarios