O Club Financeiro sitúa Compostela como cidade con menor desemprego e Ames como concello con máis xente nova

A de Compostela é "a comarca menos envellecida".
Presentación do informe, hoxe en Compostela. (Foto: Concello de Compostela)
photo_camera Presentación do informe, hoxe en Compostela. (Foto: Concello de Compostela)

O Informe de Conxuntura Económica editado polo Club Financeiro de Santiago conclúe que a de Compostela é "unha das máis dinámicas" entre as comarcas do noroeste. Nesta liña, revela que Compostela "é , após un lixeiro aumento da cifra de persoas menores de 16 anos, nunha listaxe que encabeza o concello de Ames, con case 17% da poboación neste rango de idade.

Ames é tamén o concello da comarca no que as porcentaxes apuntan a un maior incremento de poboación, cun crecemento medio anual de 1,2% desde 2010, moi por riba de Brión (0,8%), Teo (0,5%) ou Compostela (0,3%).

A capital concentra 63% das empresas

A comarca, que suma 18% do produto interior bruto e 14% da poboación da Coruña, conta con 36% da oferta de prazas turísticas na demarcación. Amais, están rexistradas 15,9% das empresas da Coruña, 15.595, especialmente en Compostela, que concentra 63% das compañías da comarca, seguida por Ames (16%). Á vez, na cidade están asentadas 10 das 40 sociedades con 500 ou máis traballadoras e traballadores da Coruña.

Ao respecto da capital galega, o documento destaca que a situación laboral é mellor ao comparala con outras cidades galegas, requirindo que se preste atención á dependencia do sector público e do sector servizos, así como ás flutuacións ao longo do ano. A taxa de desemprego, 4,4%, é a máis baixa entre as cidades galegas.

Precisamente as cifras de empresas do sector servizos en Compostela, 84,7% do total, están moi por diante do seu peso no conxunto da Galiza, onde acadan 66,7%.

Tamén destaca a localidade polo maior impacto do sector público en relación ao resto de urbes do país, algo que o informe atribúe á “maior actividade administrativa, ao potencial da universidade e á actividade turística”.

O equipo encargado de levar a cabo o informe emitiu unha serie de recomendacións para o futuro, como a promoción da natalidade, a retención do talento, a atención á poboación envellecida, repensar o modelo turístico ou o apoio á diversificación empresarial.

O Informe de Conxuntura Económica do Club Financeiro de Santiago foi presentado esta sexta feira na capital galega nun acto no que interviu a alcaldesa da cidade, a nacionalista Goretti Sanmartín, e o presidente do propio Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira.

Comentarios