Sánchez reivindica o legado de Zapatero e González no feche do 40º Congreso Federal do PSOE

O actual secretario xeral socialista presenta unha lista —apoiada co 95% dos votos— de 107 persoas para o Comité Federal, entre as que se atopan Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e José Tomé, o seu homólogo en Lugo. Acompáñanos os deputados no Parlamento galego Pablo Arangüena e Marina Ortega e a alcaldesa da Coruña, Inés Rei.
Felipe González, Pedro Sánchez e José Luis Rodríguez Zapatero (Foto: Rober Solsona / Europa Press).
photo_camera Felipe González, Pedro Sánchez e José Luis Rodríguez Zapatero (Foto: Rober Solsona / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal e líder do PSOE, Pedro Sánchez, fechou este domingo o 40º Congreso Federal do seu partido presumindo de ser unha formación "unida e forte" e reivindicando o legado de José Luis Rodríguez Zapatero e Felipe González.

"Somos un partido forte e unido. Máis forte porque está unido, e más forte para a sociedade. Un partido ao servizo de España", afirmou ante as perto de 9.500 militantes presentes. Sánchez logrou 95% dos apoios para a súa nova Executiva.

O líder do PSOE ofreceu unha imaxe de 'reconciliación' co ex presidente González, cunha aperta incluída e co histórico socialista ficando a disposición de Pedro Sánchez.

"142 anos despois, co mesmo nome e a mesma ideoloxía"

"Nós, 142 anos despois, estamos onde sempre estivemos, co mesmo nome e a mesma ideoloxía", defendeu, dirixíndose directamente a quen vaticinaron a fin da socialdemocracia, que, segundo el, goza dunha "saúde de ferro".

"Cando outros desistan, os socialdemócratas seguiremos aquí, modernizando España, como o fixeron González ou Rodríguez Zapatero", sostivo Sánchez, quen tamén definiu o seu partido como "principal defensor do ecoloxismo e o feminismo".

Representación galega na cúpula do PSOE

O Comité Federal do PSOE, máximo órgano de partido entre congresos, iniciou este domingo o seu proceso de renovación cunha listaxe de 107 persoas, presentada por Pedro Sánchez, na que se sitúan cinco galegos e galegas.

Trátase dos presidentes da Deputación de Lugo, José Tomé, e Pontevedra, Carmela Silva, así como a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, e os deputados no Parlamento galego Pablo Arangüena e Marina Ortega.

Segundo os estatutos do PSOE, o Congreso Federal só elixe un terzo dos cargos, polo voto directo e segredo das e dos delegados. Outro terzo escollerase desde agora nos Congresos Territoriais ou Estatais, e o último terzo decidirase co voto individual directo e segredo de todas as e os militantes do partido.

Tamén forman parte da Executiva os secretarios xerais territoriais —Gonzalo Caballero no caso do PSdeG na Galiza— e o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.

Comentarios