Polémica en Sarria a conta do concelleiro acusado de contratar un detective para espiar traballadoras de baixa do xeriátrico

O alcalde pide a dimisión do edil Benjamín Escontrela após desposuílo das súas responsabilidades de goberno.
Residencia municipal Nosa Señora do Carme, en Sarria. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Residencia municipal Nosa Señora do Carme, en Sarria. (Foto: Nós Diario)

Graves acusacións pairan sobre o Concello de Sarria. A pasada sexta feira o alcalde, Claudio Garrido, acusou o edil Benjamín Escontrela, cesado das súas funcións en materia de Política Social a comezos de mes por "gravísimas irregularidades" no tocante á Lei de Contratos, de contratar con fondos públicos un detective privado para espiar oito traballadoras da residencia de maiores municipal Nosa Señora do Carme.

O obxectivo desta contratación sería investigar de perto estas oito empregadas, que en última instancia dependían do departamento de Escontrela, en relación coas súas respectivas baixas laborais e mesmo asuntos do ámbito privado.

Forzas sindicais como CIG, CSIF e UXT exixiron xa explicacións sobre o acontecido e que se esclarezan os feitos. O cesamento de Benjamín Escontrela como membro do equipo de goberno, lamentou a CIG, "chega tarde", pois non era a primeira vez que se puña de manifesto a "nefasta e neglixente xestión da residencia e en particular do seu persoal".

Esta decisión por parte do rexedor, apuntou a central sindical, "obedeceu a criterios de natureza política, posto que a xestión de Escontrela á fronte da residencia foi obxecto de continuas controversias durante a presente lexislatura".

Durante o seu mandato, aliás, retirouse o complemento de IT ás traballadoras e traballadores, "decisión ilegal, como así o ratificaría o TSXG", esgrimiu a CIG, sobre un centro residencial que tamén foi condenado por vulnerar o dereito de conciliación o pasado ano.

Claudio Garrido, após destituír das súas responsabilidades de goberno o cuestionado Benajmín Escontrela, instouno a dimitir como concelleiro e abandonar a súa acta, entendendo que alén dun acto cuestionábel ética e moralmente puido incorrer tamén nun delito.

No caso de que non aparecesen os correspondentes informes, advertiu, trataríase se callar duns feitos "aínda máis graves", pois o departamento tería pagado por uns servizos que nunca se prestaron. A factura ascendería a varios miles de euros.

Comentarios