[VÍDEO] Comeza a folga indefinida das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con 80% de participación

Esta cuarta feira comezou en toda a Galiza unha folga das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), convocada pola CIG, despois de que as profesionais mostrasen o seu absoluto rexeitamento ao convenio asinado entre a patronal do sector e os sindicatos UXT e CCOO.
A CIG cifra entre 70 e 80% a participación na folga do SAF (Foto: Nós Diario).
photo_camera A CIG cifra entre 70 e 80% a participación na folga do SAF (Foto: Nós Diario).

Esta cuarta feira comezou en toda a Galiza unha folga das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), convocada pola CIG, despois de que as profesionais mostrasen o seu absoluto rexeitamento ao convenio asinado entre a patronal do sector e os sindicatos UXT e CCOO.

Neste sentido, a central sindical denuncia que “a precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar”.

O obxectivo da folga convocada pola CIG é garantir subas salariais que manteñan o poder adquisitivo e impedir “unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe e aboca as traballadoras á precariedade e á pobreza”.

Nos días anteriores á convocatoria do parón indefinido, o sindicato xa denunciaba que, “cun convenio sen actualizar desde 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretende consolidar esta precariedade, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos”.

Mobilizacións por todo o país

Con motivo do inicio da folga, traballadoras do SAF de todo o país desenvolveron nas súas respectivas comarcas a primeira das mobilizacións que levarán a cabo durante os días 2, 3 e 4 de novembro.

A este respecto, a CIG cifrou entre 70 e 80% a participación no paro. Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos salienta a implicación das traballadoras, que malia ter decretados uns servizos mínimos do 100% na maioría dos concellos, buscan a forma de secundala unha vez feitos os labores esenciais.

Fernández sinala, porén, casos como o do concello de Vigo, que anunciou servizos mínimos sen decretar a porcentaxe nin das auxiliares, nin das coordinadoras que ten que haber, ou o concello de Cambre, na comarca da Coruña, que nin sequera os decretou.

Subliña ademais que esta folga non se estaría producindo “se tiveramos un servizo totalmente público xestionado pola Xunta da Galiza que garantise condicións salariais e laborais dignas e en igualdade de condicións para todas as traballadoras dos SAF”.

Comentarios