A CIG demanda alternativas para o futuro de Meirama

A campaña da CIG para demandar alternativas que permitan o mantemento dos empregos e a actividade produtiva continuou esta sexta feira pasada en Meirama. A central nacionalista exixiulle compromisos reais a Naturgy para a reindustrialización dos municipios afectados.
Concentracion Transicion Xusta Meirama (CIG)
photo_camera Concentracion Transicion Xusta Meirama (CIG)

A central nacionalista exixiulle compromisos reais a Naturgy para a reindustrialización dos municipios afectados polo cese da actividade da súa central térmica. Esta sexta feira 21 de febreiro manifestouse en Meirama para denunciar que nin o Goberno español nin o galego poñen mecanismos que garantan unha transición xusta. Desde esta organización sindical aseguran que a solución "ten que pasar por propor proxectos de futuro que minimicen o impacto socio-laboral que o peche da central ten nesta comarca".

Desde a CIG insisten na reivindicación de que a Galiza sexa incluída "de inmediato" no Plan de Acción Urxente, que se asinen convenios similares aos pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León, para que forme parte da denominada Plataforma Europea para as Rexións Mineiras en Transición. Con esta decisión a Galiza podería beneficiarse dos fondos que a nivel europeo se destinen aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.

"É fundamental que esta comarca estea incluída nestes plans, pero xa imos moi atrasados con respecto a outros territorios", asegura o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Alerta de que "se o Goberno español e a Xunta non dan pasos a serio neste camiño, estaremos en seria desvantaxe para acceder ás axudas consignadas para a transición xusta e para desenvolver proxectos de futuro". Carril lembra que a única alternativa formulada por Naturgy  pasa por converter a superficie que agora ocupa a central nun gran parque eólico mais "sen xerar emprego".

Comentarios