CIG constata a paralización da automoción galega, que xa negocia aplicar ERTEs

"As direccións de boa parte das compañías, que levan días resistíndose a adoptar esta decisión, negocian agora a aplicación de ERTE", sinalan desde a CIG-Industria. 
Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).
photo_camera Planta do Grupo PSA en Vigo (Arquivo).

As principais empresas do sector galego da automoción están a paralizar a actividade ao non poder garantir a seguridade dos seus cadros de persoal como consecuencia da crise sanitaria provocada polo coronavirus, así o constata a Confederación Intersindical Galega (CIG).

Desde a CIG-Industria sinalan que "as direccións de boa parte das compañías, que levan días resistíndose a adoptar esta decisión, negocian agora a aplicación de ERTE" nas súas plantillas. "A maioría das empresas auxiliares da industria do automóbil atopábanse á espera do que facía finalmente PSA Citroën, o seu principal cliente, que hoxe mesmo detivo a liña de produción", engaden.

O sindicato refire que PSA estivo intentando gañar tempo dende o primeiro momento, implementando medidas de seguridade que o comité de empresa considerou insuficientes, polo que solicitou a paralización da actividade e instou a Inspección de Traballo a que velase polo cumprimento das directrices fixadas polo Goberno estatal para loitar contra a COVID-19. Finalmente, a empresa con sede en Vigo aceptou a paralización ás 14 horas desta terza feira da súa produción na liña principal. 

"A previsión inicial é que a fábrica permanecerá pechada até o vindeiro 27 de marzo e a empresa habilitará un teléfono de contacto para que os traballadores e as traballadoras poidan ter información mentres dure a parada. Ademais, estabeleceuse que o persoal que durante estes días de corentena dea positivo en coronavirus terá que poñelo en coñecemento da empresa", explica a CIG-Industria nun comunicado a respecto de PSA Citroën.

As auxiliares paran

Pola contra, recollen que na empresa Faurecia Asientos de Galicia, con sede en Vigo, foi o propio comité de empresa, a través das delegadas de prevención, quen paralizou a actividade o domingo ao non garantirse a seguridade do persoal. O protocolo da empresa incluía a limpeza dos postos e de maquinaria, desinfección, medidas para evitar que coincidisen as quendas de entrada e de saída, pero non se garantía a distancia mínima recomendábel entre as persoas para evitar contaxios, segundo se explica na nota da CIG.

Así que a representación das traballadoras decidiu paralizar a actividade en base ao artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, que estabelece que se poderán tomar as medidas oportunas e mesmo abandonar o posto de traballo cando non se garanta a seguridade das traballadoras. En base a isto, a maior parte do persoal das distintas quendas optou por non acudir ao seu posto de traballo, polo que a fabricación viuse afectada. De feito, segundo conta a CIG, Citroën tivo que montar vehículos cun só asento para evitar ter que parar a súa liña un de produción. O comité de Faurecia mantén os contactos até que a empresa cumpra coas medidas. 

A CIG traslada que outras empresas, como Plastic Omnium, en Redondela, ou Lear, no polígono de Valadares, tamén paralizaron a actividade esta terza feira ás 14 horas. Grupo Copo tampouco produce, e está a negociar un ERTE co comité. Ao igual que Copo Galicia, que esta cuarta feira comezará a negociar un ERTE, aínda que neste caso traballa unicamente a quenda de mañá; a de tarde e a de noite xa non producen desde hoxe mesmo. A empresa Denso remata tamén nesta terza feira de traballar, polo que a partir de mañá paralizará a actividade. 

O mesmo sucede con Gestamp, co traballo paralizado e en plena negociación dun ERTE. Por outra banda, en GKN Driveline, en Vigo, e en Treves Galicia, en Pontevedra, están a negociar coa representación do persoal tanto a maneira de paralizar a actividade como a presentación dun ERTE, segundo informa a CIG-Industria.

No caso da industria da automoción en Ourense, a decisión de Citroën precipitou tamén os acontecementos e as principais compañías auxiliares optaron por paralizar a actividade e iniciar a negociación de ERTE. Como sucedeu en Megatech, Hispaplasti, IncalplastGaesa, tal e como recolle a CIG no seu comunicado, que contempla que Faurecia pare esta terza feira e que en Rodríguez López, dedicada á fabricación de ambulancias, trabállese cun un estrito protocolo de seguridade.

Desde a CIG-Industria reiteran, tal e como denunciou esta terza feira o secretario xeral do sindicato, que "se seguen sen se adoptar as medidas necesarias para que todo o mundo poida quedar na casa, xa que non se dispón dos medios para que as traballadoras que teñan que ir traballar poidan facelo coas necesarias medidas de seguridade".

Ademais, afirman que "as empresas que están ofrecendo o teletraballo non garanten unhas condicións mínimas de respecto aos dereitos laborais e, en moitos casos, incluso baixo a obriga de poñer a traballadora gratuitamente todos os medios materiais para o desempeño do traballo no domicilio".

Desta maneira a CIG critica "que a Policía e o Exército se estean despregando para labores de control social máis que para garantir que non haxa a actividade laboral, agás onde é obrigatoria, e que esta se desenvolva coas medidas oportunas de seguridade, nomeadamente nos sectores máis sensíbeis como o de alimentación, SAF, residencias, etc".

Comentarios