CIG advirte que o custo do estado de alarma e de emerxencia sanitaria “non pode recaer na clase traballadora”

O sindicato  reclama do goberno que habilite un fondo especial para enfrontar os custos económicos, sociais e laborais

Ciclo combinado de Sabón cos traballos de demolición da cheminea da térmica en primeiro plano.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, manifestou  que “a declaración de estado de alarma e de emerxencia sanitaria non pode recaer na clase traballadora, como tampouco nas empresas” e denunciou que “a lentitude na adopción de medidas está provocando que as empresas estean repercutindo nas traballadoras e traballadores o custe real de toda esta situación”.

Denunciou que xa están chegando, desde a declaración de estado de alarma, “toda unha serie de suspensións temporais, a través da utilización dos ERTES, ou da imposición de vacacións, no mellor dos casos… Medidas que considerou “moi inxustas” e que “non resolven a situación, senón que están creando novos problemas”.

Carril advertiu que a declaración de estado de alarma, por parte do Estado español, ou de emerxencia sanitaria, por parte da Xunta, non pode ser “un cheque en branco para aproveitar a situación para recortar dereitos e liberdades fundamentais ou invadir competencias das comunidades autónomas”.

O sindicato nacionalista considera que “non é de recibo” que a estas alturas, “e despois dos días transcorridos”, non se tiveran adoptado polo goberno, “ao tempo que a declaración do estado de alarma, as medidas urxentes que no ámbito laboral son tamén urxentes e necesarias”.

Reformas laborais

O secretario xeral da CIG alertou de que, ao non se adoptaren medidas no plano laboral, o que se está utilizando é o articulado das reformas laborais de 2010 e 2012, como a “barra libre” de “invocar a chamada forza maior”.l

Para a CIG entre as medidas urxentes cómpre primeiro “declarar o dereito a un permiso retribuído por cumprir un deber inescusábel como é o coidado de menores e persoas dependentes diante da declaración de estado de alarma, mais tamén o deber social de quedar na casa para evitar a propagación da pandemia”. Permisos que, lembrou, están sendo denegados, malia estar contemplados no Estatuto das Traballadoras e Traballadores, en concreto, no artigo 37.3.

Xunto a isto demandou que se dean as garantías suficientes para as traballadoras e traballadores que están obrigadas a traballar porque non teñen outra posibilidade, garantindo que as forzas de orde público confirmen que se adoptan as medidas suficientes en materia de saúde laboral”.

Ademais defendeu a necesidade de que o goberno supervise e clausure aqueles centros de traballo no que non se garantan as medidas de prevención, para que se poida facer o traballo con seguridade.

Persoal necesario

Xunto a isto considerou necesaria “a adopción de medidas especiais que abaraten ou mesmo faciliten o non pago de enerxía, ante os grandes consumos que se están realizando ao estar na casa” e demandou “compensacións especiais para o conxunto de traballadores e traballadoras que están traballando nestas condicións, persoal sanitario, persoal do comercio, persoal da axuda ao fogar, persoal de atención a maiores en residencias públicas ou privadas, e de todas aquelas traballadoras e traballadores que están obrigados a desempeñar o  seu traballo, en moitas ocasións sen dispor das medidas de protección necesarias e soportando unha tremenda presión como ocorreu estes últimos días nos supermercados”.

O secretario xeral da CIG exixiu tamén do goberno que se habilite un fondo especial que compense esta situación, entendendo que non pode recaer nas empresas, e “sabedores de que a UE ten acordado que todo este gasto non está limitado polas restricións de gasto público. É un problema de vontade política”.

Comentarios