CIG chama a mobilizarse na quinta feira en Vigo para evitar o "desmantelamento" e "irrelevancia" do naval

A CIG exixiu, entre outras cuestións, que se convoque unha Mesa do Naval de Vigo; unha intervención pública para crear un 'holding' de estaleiros e industria auxiliar, onde a administración pública teña un papel preponderante. 
O responsábel de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández; e o secretario comarcal do sindicato, Alberte Gonçalves. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O responsábel de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández; e o secretario comarcal do sindicato, Alberte Gonçalves. (Foto: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) fixo un chamamento esta segunda feira para que a cidadanía se manifeste na quinta en Vigo, a partir das 19 horas desde Vía Norte, contra o "desmantelamento" do sector naval, que vai "camiño da  irrelevancia" pola mala xestión empresarial e a  inacción das administracións.

Nunha rolda de prensa, o secretario comarcal do principal sindicato na Galiza, Alberte Gonçalves, lamentou que a industria naval na comarca de Vigo leva anos "en caída libre".

Criticou que nin o Goberno do Estado español nin a Xunta puxesen en marcha medidas para a súa modernización ou "tan sequera para garantir a súa supervivencia".

Respecto diso, lembrou que os tres grandes estaleiros da ría de Vigo: Vulcano (agora Estaleiros San Enrique), Metalships e Hijos de J. Barreras, están en problemas.

O primeiro deles cun "escenario de absoluta incerteza", o segundo con apenas carga de traballo para reparación, e o terceiro, recentemente adxudicado a Armón nun proceso de liquidación que suporá a "perda de 100 empregos", e que pasou por anos de "corrupción política e empresarial", así como de "represión sindical".

Medidas para un sector "estratéxico"

Gonçalves exixiu políticas e medidas para defender un sector "estratéxico" e que foi "motor económico" da comarca e de toda a Galiza, para asegurar a continuidade da produción e "blindar o emprego".

A CIG exixiu, entre outras cuestións, que se convoque unha Mesa do Naval de Vigo; unha intervención pública para crear un 'holding' de estaleiros e industria auxiliar, onde a administración pública teña un papel preponderante. 

Tamén demandou medidas para manter o emprego en condicións dignas e estábeis, e para eliminar a "excesiva subcontratación"; unha "aposta pola formación" do persoal; contratación de empresas da contorna; e medidas de diversificación da produción.

Finalmente, ademais de reiterar a "responsabilidade" das empresas e administracións, aludiu á "responsabilidade da sociedade", polo que insistiu en pedir á cidadanía que participe na mobilización, "a única forma de forzar un cambio de política".

Comentarios