Sindicatos piden unha “política industrial real” para o naval de Vigo, que perdeu 4.000 empregos directos

CIG, CCOO e UXT instan a unha estratexia “de futuro” para o sector e a creación dun fondo de compensación. 

Naval_CIG

“A xente ten que visualizar que antes, cando había un conflito no sector, saían á rúa 10.000 traballadores, pero agora saen 600-700, o que dá mostra da situación real que temos”. Xoán Xosé Bouzas Aboi, 'Tupi', é o secretario nacional da CIG-Industria e con esta frase representaba a principios de xuño o devalar dun sector fulcral para Vigo e a comarca. CIG, CCOO e UXT consensuaron un documento que van poñer en coñecemento dos grupos parlamentares e mediante o que emprazan a Xunta a que promova unha “política industrial real” para o naval vigués.

Desde o 2000 destruíronse 4.000 postos de traballo directos no naval. E cada emprego directo no naval xera tres indirectos

As tres centrais piden que haxa unha estratexia consensuada e de futuro para o conxunto do sector naval, con actuacións no financiamento e os avais, e que contemple unha estratexia comercial, así como a procura de mercados e a estimulación da demanda. Tamén solicitan a creación dun fondo de compensacións para garantir a cobertura efectiva dos traballadores: en prestacións económicas, perdas, cotizacións á Seguridade Social e revalorizacións das bases de pensións. A isto engaden liñas de axuda para quen esgotase as berturas nos EREs.

Desde o 2000 destruíronse 4.000 postos de traballo directos no naval. E cada emprego directo no naval xera tres indirectos (auxiliares, transportes), segundo as propias estatísticas oficiais. Unha destrución de emprego que golpea o tecido económico da comarca viguesa e con prexuizos para múltiples sectores (comercios, hostalaría,...)

Comentarios