A Galiza lidera a caída da produción industrial no Estado, cun descenso de 6,8%

A Xunta evita exercer as súas competencias para conter as consecuencias da crise industrial que padece o país.
As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego. (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera As grúas dos estaleiros vigueses son testemuñas da caída da produción industrial no sector naval galego (Foto: Antonio Alcobendas)

A Galiza, segundo os datos publicados nesta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), rematou o mes de febreiro como o segundo territorio do Estado español no que máis diminuíu o indicador de produción industrial. En concreto, 6,8% en relación ao ano anterior, un dato (só superado por Castela e León) que contrasta co crecemento medio de 3,9% rexistrado no conxunto estatal.

O indicador é unha evidencia máis da profunda crise industrial na que está sumida a Galiza e na que emerxen moitos nomes propios. Por unha parte, o de empresas que nos últimos meses acometeron procesos de desmantelamento ou feche ou, sinxelamente, optaron por marchar do país ante a falta de apoios por parte da Administración. 

É o caso de firmas como Siemens Gamesa ou Vestas, dúas multinacionais que fabrican compoñentes para un sector agora en boga, como é o eólico,  e que, lonxe de deixar beneficios no país en forma de emprego industrial e facturación, vai seguir consolidando o papel da Galiza como mero centro de produción e exportación de enerxía cara a outras partes do Estado.

O outro dos nomes propios desta situación é o da propia Xunta, e nomeadamente o do titular da Consellaría que ostenta as competencias na materia, Francisco Conde, conselleiro de Economía, cuxo papel nos conflitos abertos limitouse a botar as culpas ao Goberno español. 

Apuntando a Madrid, onde agora ten responsabilidades no Partido Popular desde que o seu presidente é Alberto Núñez Feixoo -Conde ocupa agora unha das vogalías do comité executivo estatal do PP-, o conselleiro logrou esquivar as peticións de empresas que reclamaban a intervención pública para garantir o mantemento do emprego e a actividade industrial. 

Intervención pública

Esta situación é, por exemplo, a de Alu Ibérica. Esta quinta feira os aínda traballadores da factoría de aluminio da Coruña ─en Avilés xa se asinou a extinción dos contratos─ volveron saír á rúa para exixir a intervención pública de la fábrica de Agrela. En declaracións aos medios, o representante da CIG, Julio Moskowich, lembrou que o Ministerio de Industria e a Xunta "comprometéronse a buscar unha solución para o persoal", que de momento non ten chegado. "Seguimos a apostar por que é posíbel unha intervención pública da fábrica", dixo o representante sindical, que advertiu de que "en menos dun mes" estarán "despedidos", dada a situación da empresa.

A Xunta, dixo, accedeu a recibilos. A cita será o vindeiro 21 de abril, mais, como alertan desde o comité, pode que chegue xa demasiado tarde.

Ese mesmo día, o nome de Francisco Conde emerxía tamén no conflito de Xeal co gallo da suposta intención da empresa de vender as plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría e as dez centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande, operación que desde a propia firma negaron.

O persoal de Xeal acusa a Xunta de "mirar para outro lado" sobre a "venda fraudulenta" previa, a de Ferroatlántica a TGP-Ithaka, e tamén por non ter exixido á nova propietaria un plan de viabilidade que garanta unha actividade industrial que, denuncian, "vai a menos".

O futuro do naval

Alcoa, Isowat, Poligal ou as centrais térmicas de Meirama (Cerceda) e As Pontes son outras das vítimas da falta dunha política industrial por parte da Xunta, que ten no naval un dos sectores máis castigados.

Á desaparición de Factorías Vulcano, súmase agora a incerteza sobre o futuro doutro asteleiro, tamén en Vigo, o de Barreras, que xa estivo baixo control público e sobre o que a Xunta prometeu que ía salvar o sector grazas a Pemex, aínda que a realidade é que foi a culpábel de que hoxe se dirima entre os proxectos de Gondán, que inclúe un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o persoal, ou o de Armón, que propón prescindir de máis dun cento de traballadores.

Onte, os representantes da CIG e CCOO no comité de Barreras pediron á Autoridade Portuaria de Vigo que se posicione sobe a venda "máis aló" da concesión. 

Comentarios