Ferrol prepárase para un posíbel rexurdir coa volta da actividade a Navantia

As reparacións, a construción das fragatas F-110 e os proxectos para a eólica mariña anticipan un forte aumento da carga de traballo no estaleiro público de Navantia
O buque AOR 'Stalwart' no porto de Ferrol o pasado maio antes de partir a terras australianas (Foto: Navantia).
photo_camera O buque AOR 'Stalwart' no porto de Ferrol o pasado maio antes de partir a terras australianas (Foto: Navantia).

A actividade económica de Ferrol e da súa contorna está estreitamente ligada á dos estaleiros públicos de Navantia na ría. Desde a anterior crise económica, a de 2008, foron contados os contratos que conseguiron manter a flote esta actividade. 

O flotel para Pemex, negociado por unha directiva que está agora a ser investigada pola Xustiza mexicana, e os buques AOR para a Armada australiana foron as únicas excepcións salientábeis. Garantiron miles de horas de traballo nos estaleiros, pero desde a marcha o pasado mes de maio do 'Stalwart', a segunda das unidades encargadas polo país oceánico, as gradas de Navantia volveron ser un páramo, unha situación que tamén golpeou na industria auxiliar.

Porén, o 2022 está chamado a ser o ano do rexurdimento do sector na ría ferrolá. Comezou con boas novas para o sector de reparacións, co atraque esta semana da plataforma canadense de procesado e almacenamento de petróleo 'Terra Nova', que permanecerá sete meses no dique 3 para someterse a unha profunda actualización que lle permitirá ampliar a súa vida útil dez anos máis.

Navantia adxudicouse o contrato para a reparación desta plataforma, que requirirá unhas 700.000 horas de traballo e empregará a máis de 300 operarios, nun concurso que se resolveu en 2019, pero cuxa execución se atrasou pola pandemia.

A este contrato seguirá en marzo o inicio dos traballos de construción das novas fragatas F-110 para a Armada española, que, segundo os cálculos de Navantia, poderían xerar "uns 7.000 empregos entre directos e na industria auxiliar".

Este aumento da carga de traballo xa se está a notar noutros sectores de actividade. É o caso do inmobiliario, pois a reparación da plataforma xa requiriu da procura de 60 vivendas na zona en réxime de alugueiro para aloxar ao persoal do barco.

Investimentos pendentes  

Desde os sindicatos valoran a creación de emprego que levarán aparellados estes contratos, aínda que alertan que a falla de investimentos no estaleiro público deixaría Navantia "nunha situación moi difícil" para competir por novos contratos, como o da  construción da futura fragata europea.

Así o advertiu o secretario comarcal da CIG en Ferrol, Manel Grandal, que denunciou que actuacións como o dique cuberto e o de carenas, "vitais" para a viabilidade do estaleiro, non figuran nos orzamentos da Xunta nin nos do Estado español.

"No dique non collen os barcos, que cada vez son de maior tamaño e as navieiras están a levar as súas frotas a outros estaleiros", advertiu.

O portavoz do comité de empresa de Navantia Ferrol, Miguel Pol (CCOO), destacou tamén a importancia de Reparación, "un nicho de mercado non explotado" que precisa investimentos para entrar en segmentos como o dos cruceiros, que precisarían dun dique "con máis manga".

Neste senso, Pol criticou a falta de anuncios e investimentos concretos desde as Administracións para avanzar na remodelación do estaleiro público ou a consecución de máis encargas, unha actitude que, indicou, non convidan a descartar mobilizacións este inverno.

Eólica mariña

Ao outro lado da ría, no estaleiro de Navantia Fene, a aposta pola eólica mariña verase reforzada este ano coa nova factoría para a construción de monopilotes XXL ─un tipo de estruturas que sustentan os muíños eólicos no mar─ que levanta en alianza con Windar e Iberdrola.

O responsábel de Windar na Galiza, Francisco Arechaga, anunciaba hai uns días que a fábrica podería estar operativa este mesmo ano, ao tempo que sinalou a súa importancia ao destacar que 80% das cimentacións eólicas son monopiles.

O acordo, valorado en 400 millóns de euros, implicará a fabricación e subministración de 130 cimentacións de máis de 100 metros de lonxitude para parques eólicos mariños e carga de traballo para máis de 2.000 persoas de forma directa e para varios miles nas firmas auxiliares.

Comentarios