A Fiscalía recibe un informe cun cento de alertas do persoal de residencias

Un detallado informe elaborado pola CIG sobre as eivas nas residencias e a situación que se está a vivir nelas polo contaxio do coronavirus foi entregado á Fiscalía Superior da Galiza. O sindicato reúne no documento numerosas queixas e problemáticas concretas transmitidas polas traballadoras sobre a falla de medios de prevención e de persoal e alerta sobre a precariedade laboral. 
 
Unha muller colocaunha máscara. (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)
photo_camera Unha muller colócase unha máscara (Imaxe: Iñaki Berasaluce / Europa Press)

Máis dun cento de queixas e alertas que traballadoras das residencias realizaron sobre falta de medios e de persoal en centros de maiores foron reunidas nun documento pola Confederación Intersindical Galega (CIG) e entregadas á Fiscalía Superior da Galiza.

A central sindical nacionalista sinala no escrito que, con ánimo de colaborar coas actuacións que desenvolve a Fiscalía, remite ese informe coas alertas que dan as traballadoras de residencias. O sindicato quere propiciar así que se investiguen as denuncias interpostas ante a Fiscalía pola crise desatada nas residencias por mor do contaxio descontrolado do coronavirus nestes centros.

A federación galega REDE, que aglutina asociacións de usuarias de residencias e familiares delas, denunciou na Fiscalía a pasada semana a CEO da empresa DomusVi, Josefina Fernández e outras corporacións xestoras de residencias polos delitos de denegación de auxilio, abandono, omisión de socorro, imprudencia grave con resultado de morte e lesións.

REDE tamén presentou o sábado 18 de abril unha denuncia ante a Fiscalía por delitos semellantes contra o director xeral de Maiores da Xunta e outros altos cargos da Consellaría de Política Social. O documento foi rexistrado pola CIG ante a Fiscalía na pasada sexta feira, 17 de abril.

Falta de medios de protección

Un dos casos máis detallados no informe é o o da residencia de maiores Porta do Camiño, en Santiago de Compostela. As traballadoras deste centro sinalan no documento que realizan “horas e máis horas” seguidas cos mesmos equipos de protección EPI. Os descanso para xantar son de 15 minutos e voltan a traballar, “unha auténtica escravitude”, sinala a CIG no informe.

O estabelecemento de quendas continuadas de 12 horas con atención directa a usuarias contaxiadas da COVID-19 “non parece o máis adecuado para a saúde psíquica do persoal nin para manter unha atenta atención ao seguimento dos protocolos de prevención”, din.

Denuncian que non lles están facendo tests cando rematan de traballar, polo que van para a súa casa sen saber se están infectadas, poñendo en risco as súas familias.

Denuncian que non lles están facendo tests cando rematan de traballar, polo que van para a súa casa sen saber se están infectadas

A Xunta obriga a presentarse a traballar ao persoal dos centros de día do Consorcio “sen información algunha, nin das medidas a tomar nin de instrucións a seguir, co agravante de descoñecer o centro, o que pon en risco o persoal e as persoas que ingresan”, din no informe.

Na residencia de maiores asistida Volta do Castro todo persoal e as usuarias deron negativo. Porén, sinalan que desde o 16 de marzo a dirección procedeu a indicar ao persoal “que non era necesario” o uso de máscaras cirúrxicas e “o seu uso debía reservarse para máis adiante xa que non había stock na Xunta e o Goberno Central non as mandaba”, relatan.

Ante as reclamacións a dirección do persoal para empregar as máscaras, díxoselles que “só sabían protestar”. Finalmente, o 3 de abril, 19 días despois de terse decretado o estado de alarma, emitiuse unha nota ao persoal asinada por dirección onde se recomendaba a máscara. Así o recolle a CIG.

Persoal mobilziado pola Xunta sen formación sanitaria

Na residencia integrada a Nosa Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, intervida pola Xunta, hai persoal da Consellaría de Educación sen titulación específica na rama sanitaria traballando sen que se lles dea formación sobre as tarefas e as medidas de prevención que deben seguir ante a COVID-19, recolle o informe do sindicato. Dúas das persoas que realizan funcións de auxiliar de clínica “nin sequera teñen formación clínica, pois todas son auxiliares coidadoras de escolas”.

Na residencia de maiores asistida de Oleiros facilítanse ao persoal batas, calzas e gorro para uso coas usuarias que están pendentes de resultado do test, mais para atender o resto de persoas da residencia "non hai EPI", denuncian.

Consideran que “se está a pór en perigo a saúde e integridade física de todas as residentes, mais tamén das traballadoras e as familias delas”.

Número de traballadoras insuficiente

Na residencia de maiores Torrente Ballester, na Coruña, o persoal critica que non hai traballadoras suficientes. “Precisaríase persoal de reforzo con urxencia”, din.

“Precisaríase persoal de reforzo con urxencia”, din na residencia Torrente Ballester

No centro de atención a persoas con discapacidade da Coruña, con casos positivos, “recrimínase” ás traballadoras e traballadores “por tirar o EPI usado para saír ao descanso, e se lles indica que non necesitan calzas, nin gorro nin bata, e que tiñan que ter utilizado o que quitaron en vez de tiralo”. O informe alerta ademais de que o persoal coidador deste centro “traballa baixo presión e estrés, non por ter que traballar, senón polas condicións nas que se lles obriga, así como por ter que facer as funcións do persoal de enfermaría sen teren a formación precisa.

Instrucións contraditorias

Na residencia de maiores das Gándaras, en Lugo, “danse problemas cos protocolos a seguir”, sinala a CIG, criticando que desde que se detectou un positivo as ordes son “contraditorias” e o persoal carece de formación específica para as funcións que se lles piden. Na residencia de maiores da Pobra do Caramiñal o material de protección está “baixo mínimos, con luvas e máscaras para reutilizar”. Esta problemática é común a case todas a residencias das que a CIG informa no seu documento.

Comentarios