CCOO acusa a Glovo de “represión sindical” e sinala sancións baseadas nun algoritmo “inalcanzábel”
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) denunciou este 16 de febreiro a existencia de “represión sindical” na empresa Glovo e reclamou a actualización do convenio colectivo de aplicación, así como unha mellora substancial das condicións laborais dos seus repartidores.
Tras a aprobación da coñecida como Ley Rider, que puxo fin á figura dos falsos autónomos neste tipo de plataformas de reparto, os sindicatos iniciaron un proceso de constitución de comités de empresa mediante eleccións sindicais. Así o explicou en rolda de prensa a responsábel de Eleccións Sindicais da FSC-CC.OO., Mónica Raposeira.
Porén, segundo denunciou, Glovo “foi poñendo desde o primeiro momento paus nas rodas” para evitar a celebración destas eleccións: primeiro mediante laudos e, despois de que estes lles desen a razón aos sindicatos, “xudicializando o proceso”.
Ademais, sinalan que os censos facilitados pola empresa para calcular o número de representantes “non coinciden” cos datos de altas na Seguridade Social e que, nalgúns casos, nin sequera foron entregados. Raposeira subliñou que esta situación “non é un feito illado” na Galiza, senón que “está a ocorrer en todo o Estado”.
Denuncias polo algoritmo
O sindicato tamén alerta de “represión cara aos representantes sindicais”, aos que —aseguran— se lles están a impor sancións ou despedimentos baseados en “obxectivos inalcanzábeis” atribuídos ao algoritmo do programa informático que distribúe os pedidos.
Mónica Raposeira indicou ademais que a empresa formulou a creación de 17 centros de traballo co obxectivo de evitar que as eleccións se celebren a nivel provincial, algo que —segundo sostén— “choca coa normativa vixente”.
Pola súa banda, o presidente do comité de Glovo na Coruña, Aklain Morales, explicou que unha das principais reivindicacións do colectivo —que agrupa 290 riders só nesta cidade— é coñecer o funcionamento do algoritmo que lles asigna os pedidos e contabiliza os tempos de entrega.
Segundo denunciou, o sistema fixa tempos de recollida e entrega “que non son realistas” e non teñen en conta factores como cortes de tráfico, condicións meteorolóxicas, intensidade da circulación ou o medio de transporte empregado polo traballador. En base a estes parámetros, aseguran, Glovo estaría a sancionar especialmente a aqueles repartidores vinculados ás eleccións sindicais.
Melloras laborais e convenio propio
Entre as demandas do colectivo figuran que a empresa asuma os custos de combustíbel e mantemento dos vehículos —propiedade dos riders—, poder librar cando menos unha fin de semana ao mes, dispoñer de locais para resgardarse das inclemencias meteorolóxicas e gardar o material, así como a creación dun “bono chuvia” para as entregas en condicións adversas.
Tamén reclaman unha nómina “clara e detallada” que permita coñecer con transparencia a retribución percibida. En paralelo, CC.OO. esixe a actualización do convenio colectivo aplicábel ao sector. Na actualidade, aplícase o convenio estatal de mensaxería, que permanece sen renovar desde 2006. Ao seu xuízo, o máis axeitado sería negociar un convenio propio que recolla as particularidades específicas do reparto a través de plataformas dixitais.

