martes 14.07.2020

Cándido Hermida, filial de Inditex, quere un ERTE para parte do persoal

A imaxe das tendas de Inditex por todo o mundo ten orixe galega. Varias empresas contan coa multinacional de Amancio Ortega como principal cliente e coa pandemia as súas prácticas co persoal foron diferentes. Unha delas, o Grupo Cándido Hermida, pretende realizar un ERTE por causas produtivas até 31 de decembro a unha parte do seu cadro de persoal.    
Persoal de Cándido Hermida  convocado pola CIG, UXT e CCOO reuníronse nunha concentración e asemblea na praza da Galiza, en Narón, para exixir condicións dignas.
Persoal de Cándido Hermida convocado pola CIG, UXT e CCOO reuníronse nunha concentración e asemblea na praza da Galiza, en Narón, para exixir condicións dignas.

O feche das tendas do Grupo Inditex está a afectar, tamén, ás empresas que se encargan da propia imaxe dos estabelecementos. Compañías como Malasa, Caamaño e a propia Cándido Hermida. No primeiro dos casos, Malasa, están con expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por causas produtivas. Unha das súas filiais, Noa Madeira Creativa, pendente dun expediente de regulación de emprego (ERE) extintivo e outro de carácter temporal. No segundo, Caamaño, houbo acordo entre empresa e sindicatos cun ERTE negociado. O terceiro, o Grupo Cándido Hermida, estivo cun ERTE por causa de forza maior e agora queren continuar con outro por causas produtivas e cunha negociación por separado en cada unha das súas sete empresas.

Onte, traballadoras e traballadores desta compañía convocados pola CIG, UXT e CCOO reuníronse nunha concentración e asemblea na praza da Galiza, en Narón, para exixir condicións dignas. "A intención é socializar este conflito nunha das empresas máis importantes da comarca", explica a Nós Diario Marcos Sánchez, responsábel de CIG Construción Ferrol.  

Negociación separada filial por filial

A compañía decidiu negociar filial por filial e a situación non é a mesma en cada unha delas. "Nalgunha xa foi a negociación e noutras aínda está a ser", asegura Sánchez, "a intención da compañía é facer un ERTE até fin de ano por causas produtivas como consecuencia da pandemia da COVID-19". Segundo explica este sindicalista a primeira en negociar foi Industrias Cándido Hermida e Cándido Hermida Montaxe. "Está aberta a negociación no centro do Grupo Cándido Hermida", sinala Sánchez, "e quedarían as dúas que están por convenio do Metal, Innaval e Inmega", engade. Por último ficarían por negociar a construtora Cándido Hermida Construcións e a da madeira que é Loira Inter.

A compañía entra en contradición, segudo Alejandro Bello, secretario comarcal de Construción e Servizos de CCOO, cando "presenta un ERTE por causas produtivas e non económicas polo que podería complementar salario ao persoal que estaría nesta situación até 31 de decembro". Polo de agora, as que fecharon negociación non conseguiron ningún complemento.

"Aseguran que non teñen diñeiro cando, mais se fose así, o ERTE sería por causas económicas", engade Bello. Este sindicalista teme que, ademáis de non conseguir ese complemento, as traballadoras e traballadores queden sen as vacacións durante a aplicación do ERTE. "A partir do día 1 de xullo pasaralles a contabilizar mesmo o desemprego, non é como os de forza maior", relata Bello.

Denuncian amiguismo

Desde a central nacionalista denuncian que este ERTE afectará só a unha parte do persoal o que queda de ano e a outra parte continuará traballando con normalidade. "Non queren que se faga unha rotación do persoal, algo moi inxusto”, asegura Sánchez. Para este sindicalista esta medida forma parte das "prácticas habituais" da empresa, que actúan así "porque o amiguismo é un dos seus piares de sempre". Segundo a CIG "aproveitan esta circunstancia para facerlles pagar a situación a aquelas e aqueles que levantan a voz e denuncian estas actuacións".  

Carta sen contestación

O pasado día 8 de xuño as traballadoras e traballadores deste grupo empresarial entregáronlle unha carta en man ao propio fundador da compañía, Cándido Hermida, pedíndolle que mudara e corrixira a actuación da actual dirección, as súas dúas fillas e o seu xenro, e denunciando presións da mesma para que o persoal non reivindicara os seus dereitos. "Estamos aínda agardando resposta a esta carta", explica Bello a Nós Diario, "e non creo que chegue como pasou, por desgraza, noutras ocasións", engade. 

comentarios